Obituario

Falece Nemesio Boente, ex concelleiro e líder do BNG de Ponteareas

"Coa súa traxectoria converteuse nunha persoa querida e apreciada por enriba das diferenzas políticas", salientan desde a formación nacionalista.
Nemesio Boente. (Foto: BNG)
photo_camera Nemesio Boente. (Foto: BNG)

O BNG de Ponteareas (O Condado) vén de informar do pasamento de Nemesio Boente, líder da agrupación local da formación nacionalista entre 2017 e 2020. Desde o Bloque quixeron transmitir o seu "fondo pesar" e a "inmensa tristura" pola perda "dunha persoa excepcional e dun compañeiro extraordinario" á que aseguran que nunca esquecerán. Tamén trasladaron o seu afecto e apoio á súa familia.

Nemesio Boente foi concelleiro do BNG na corporación municipal entre o 2005 e o 2011 e responsábel local de 2017 a 2020. "Foi unha persoa moi recoñecida e apreciada pola súa profesión como enfermeiro no centro de saúde de Ponteareas, como tenaz defensor da sanidade pública e como persoa implicada nos movementos veciñais da súa parroquia, formando parte de colectivos como a asociación da Casa Cultural de Areas, da que foi directivo, ou a Coral Santa María de Areas", precisaron os seus compañeiros e compañeiras.

Foi tamén un membro destacado do BNG na localidade, onde acumulou experiencia política e organizativa e "demostrou notabelmente o seu traballo incansábel polos intereses das veciñas e veciños", lembran. Boente, coa súa traxectoria profesional, política e social, converteuse nunha persoa querida e apreciada "por enriba das diferenzas políticas tras toda unha vida de servizo público", afirman.

O BNG agradece as mostras de apoio e afecto que está recibindo nas últimas horas por parte de veciños e veciñas, así como de entidades sociais que están amosando o seu pesar por esta triste perda.

Comentarios