Falece o ex deputado socialista e ex alcalde de Vigo Ventura Pérez Mariño

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mandou todo o seu apoio e agarimo á familia e aos amigos 

ventura pérez mariño

O ex alcalde de Vigo Ventura José Emilio Pérez Mariño faleceu esta cuarta feira aos 75 anos de idade na cidade olívica, segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press. O xurista e político vigués morreu nas últimas horas na cidade que el mesmo dirixiu en 2003.

Ventura Pérez Mariño foi deputado no Congreso entre 1993 e 1995 e, en xuño de 2003, foi investido alcalde de Vigo polo PSOE e formou Goberno co BNG de Lois Pérez Castrillo. Con todo, as diferenzas en materia de política urbanística acabaron cunha ruptura do pacto seis meses despois e desembocaron nunha moción de censura, na que o socialista perdeu a alcaldía, que foi asumida por Corina Porro (PP) en decembro dese ano.

Xa xubilado, en 2021 o seu delicado estado de saúde provocou que fose ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro tras ser rescatado e sacado do mar semiinconsciente dunha praia de Aldán, en Cangas (comarca do Morrazo).

As condolencias sobre o seu falecemento non tardaron en chegar. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mandou todo o seu apoio e agarimo á familia e aos amigos de Ventura Pérez Mariño a través dunha mensaxe na súa conta oficial de X (antigo Twitter).

Tamén o candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou o pésame aos seus achegados e "a todo o socialismo vigués".

"Na familia socialista perdemos a Ventura Pérez Mariño, exalcalde de Vigo. Un compañeiro sempre comprometido coa igualdade de oportunidades", lamentou en X.

Tamén o ex secretario xeral do PSdeG e deputado socialista Gonzalo Caballero mostrou o seu pesar polo falecemento, lembrando que foi el o que substituíu a Ventura Pérez Mariño como concelleiro vigués cando este deixou a súa acta en 2005, dous anos despois de que cesase como alcalde.

Comentarios