Os ex presidentes da Xunta Laxe e Touriño encabezan un manifesto de apoio a Pedro Sánchez

O manifesto trata de "rachar coa falsa imaxe" que, apuntan os impulsores, o PP de Núñez Feixoo "trata de xeneralizar de que os militantes históricos do Partido Socialista non apoian este Goberno nin o seu presidente

O presidente do Estado español, Pedro Sánchez, esta quinta feira nun mitin en Madrid (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Os ex presidentes da Xunta da Galiza Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño impulsan un manifesto canda outros históricos socialistas da provincia da Coruña para apoiar Pedro Sánchez para as eleccións estatais do próximo 23 de xullo.

No texto do manifesto que subscriben, segundo destaca o PSdeG coruñés, afirman sentirse representados polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, ao que dan o seu apoio "sen reservas" para os próximos comicios.

Así, o manifesto trata de "rachar coa falsa imaxe" que, apuntan, o PP de Núñez Feixoo "trata de xeneralizar de que os militantes históricos do Partido Socialista non apoian este Goberno nin o seu presidente" e instan a sumarse ao mesmo a outros militantes e agrupacións provinciais que comparten as mesmas conviccións.

"O manifesto pretende romper a principal mentira de Feixoo, que é a de derrogar o 'sanchismo'. O que queren derrogar é a suba das pensións, do salario mínimo, a reforma laboral, a baixada dos prezos da enerxía e a maior creación de emprego da historia deste país", afirma o secretario provincial dos socialistascoruñeses, Bernardo Fernández.

Nesta liña, Fernández asegura que os asinantes defenden "con orgullo" os principios e valores "dun partido con 144 anos de historia" e "unhas siglas, as do PSOE, que trouxeron a este país todos os dereitos e liberdades dos que goza hoxe a sociedade española e fixeron avanzar España".

Por iso, expón que "fronte á campaña das mentiras e as descualificacións permanentes da dereita e a ultradereita", os socialistas reivindican "unidos e con orgullo o traballo feito durante varias xeracións" e dedican os seus esforzos para explicar o seu proxecto á sociedade ante unhas eleccións "decisivas para o futuro do país".

Ás sinaturas de Laxe e Touriño súmanse decenas de históricos do PSdeG da provincia da Coruña, entre os que destacan ex alcaldes como Javier Losada (A Coruña), Manuel Couce e Vicente Irisarri (Ferrol), Julio Sacristán de Diego (Culleredo), Manuel Lagares (Betanzos), José Luis García (Brión), Manuel Valeriano Alonso (Camariñas), Manuel Lamela Lestón (Cee), José García Liñares (Cerceda), José Manuel Pequeño (Dumbría) ou José Luís Armada (Cariño).

Comentarios