Os ex presidentes Pérez Touriño e González Laxe súmanse ao manifesto de mulleres crítico coa xestión do caso Tomé

Tamén se adhiren o ex presidente do PSdeG Fernández Leiceaga, o ex conselleiro Ricardo Varela ou o alcalde de Ames, Blas García.

FOTOS PRESI
González Laxe e Pérez Touriño. (Foto: Europa Press / Xan Carballa)

O manifesto de mulleres do PSdeG que apoia a dimisión de Silvia Fraga como secretaria de Igualdade do partido na Galiza, por mor da xestión da actual dirección fronte ás acusacións por suposto acoso sexual contra o xa ex presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, empeza a sumar homes nas últimas horas.

Así, entre os asinantes figuran os ex presidentes da Xunta da Galiza entre 1987 e 1990 Fernando González Laxe, e entre 2005-2009 Emilio Pérez Touriño, o ex presidente do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga, o ex conselleiro Ricardo Varela ou o alcalde de Ames (Compostela), Blas García, entre outros. Tamén se suman alcalde de Val do Dubra (Compostela), Diego L. Méndez, Iván Puentes, voceiro do PSdeG na cidade de Pontevedra; ou o ex deputado no Congreso Guillermo Meixón.

"A súa dimisión é un acto de compromiso feminista co que nos sentimos profundamente representadas", aseguran no 'Manifesto aberto polo feminismo no PSdeG-PSOE', subscrito en poucas horas por 70 mulleres (a mañá desta segunda feira xa eran máis de 230). 

O texto sinala que causan "estupor, vergoña e unha inevitábel desafección co partido" as denuncias de acoso sexual presentadas na canle interna do PSOE "contra cargos institucionais e orgánicos socialistas", aínda que non se refire en particular a ningún dos varios casos que se teñen coñecido ultimamente.

As asinantes avalan que non poden quedar "impasíbeis" ante a dimisión de Silvia Fraga tras un traballo que ven "exemplar" e defenden a súa traxectoria fronte a "informacións ou interpretacións que se pretenden deslizar e que non se corresponden coa verdade". "Desde a lealdade ao partido e aos seus principios, por suposto defendemos a necesidade de aclarar os feitos, protexer as vítimas e preservar a integridade das institucións. Só unha actuación firme e coherente permitirá manter a confianza da cidadanía e demostrar que non hai espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres", proclaman.

"Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo", proclama o manifesto asinado, á parte de pola rexedora da Coruña, Inés Rei, polas alcaldesas Asunción Morgade Rúa (Rairiz de Veiga); Marisol Morandeira Morandeira (Guitiriz); Marta Giráldez Barral (Meis); Patricia Domínguez Barja (A Pobra de Trives), e Uxía Oviedo de Dios (Maceda).

Tamén o subscriben as portavoces socialistas nos concellos de Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, e Zas, Sheila Rial Mata; as tenentes de alcalde do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, e de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez Rodríguez; e as concelleiras Nereida Canosa Domínguez (A Coruña), Ángeles Novo Martínez (Lugo), Yoya Blanco Rial (Pontevedra), Isabel González Cancela (Ames), Marta María Iglesias Becerra (Culleredo), Silvia Varanda Fernández (O Carballiño), Lucía Picos Aneiros (Cedeira) e María Rosario Huertas Garabana (Pontedeume).

Comentarios