O ex dirixente do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez será xulgado a próxima semana por prevaricación

O caso remóntase a cando era alcalde do Carballiño e a Fiscalía pide dez anos de inhabilitación para cargos públicos pola suposta contratación “irregular” de 60 persoas.


 


 

Manuel Pachi Vázquez será xulgado pola súa etapa de rexedor. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Pachi Vázquez será xulgado pola súa etapa de rexedor. (Foto: Europa Press)

Manuel 'Pachi' Vázquez, o que fora líder do PSOE galego e mesmo formara parte do Goberno bipartito, enfróntase a partir da próxima semana á Xustiza. Será xulgado a partir da segunda feira por un presunto delito de prevaricación continuada cando era rexedor do municipio do Carballiño (entre os anos 1995 e 2005).

O xuízo, no que hai outras catro persoas acusadas, decorrerá no xulgado do penal número 2 de Ourense a partir das 10.15 horas. Sábese que o Ministerio fiscal pide para o ex alcalde unha pena de inhabilitación para cargos públicos que dure 10 anos.

A Fiscalía sostén esa demanda nun presunto delito de prevaricación por unha serie de 60 contratos a empregadas e empregados públicos.

Nun escrito de decembro do ano pasado ao que tivo acceso Europa Press, tanto ao fundador de Espazo Común (que na actualidade exerce como concelleiro no municipio do que foi rexedor) como aos outros catro acusados -entre os que se atopa Carlos Alberto Montes, que sucedeu a Vázquez na Alcaldía até 2011- ese delito por firmar “un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal”.

Fálase de que estas operarias e operarios ocupan postos de peóns, conserxes, carpinteiros, no servizo de limpeza, monitores na oficina de turismo, encargado de instalacións deportivas... Mesmo hai algún axente da Policía Local.

“Os acusados procederon á contratación destas persoas coa conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública”, incide a Fiscalía.

Desta maneira alude a cuestións como “a publicidade para que calquera persoa puidera acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e capacidade”.

Para o resto dos posíbeis implicados pide 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.

Máis en POLÍTICA
Comentarios