A Fiscalía pide 10 anos de inhabilitación para Pachi Vázquez por prevaricación cando era alcalde do Carballiño

Outras catro persoas serán xulgadas por subscribir "un gran número de contratacións" durante o seu período de mandato.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Pachi Vázquez [Imaxe: Riobó Prada]

A Fiscalía provincial de Ourense pide unha pena de 10 anos de inhabilitación para o que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez por un delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, concello que gobernou entre 1995 e 2005.

Xunto a Pachi Vázquez serán xulgadas outras catro persoas que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu Vázquez na alcaldía até 2011.

No seu escrito con data do 13 de decembro e ao que tivo acceso Europa Press, o ministerio público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de persoas acusadas un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran numero de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal, respecto de 60 traballadores".

En concreto, estas eran destinadas á cobertura de postos de peóns e albaneis, conserxes, carpinteiros, electricistas, traballadores do servizo de limpeza, profesional de psicoloxía, monitor da oficina local de turismo, locutor-redactor e encargado de instalacións deportivas, auxiliares de axuda a domicilio e mesmo axentes da policía local, entre outros.

"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persoa puidese acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dúas dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.

Na actualidade Pachi Vázquez continua na política activa e é concelleira no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou após a súa saída do PSdeG

Comentarios