O soberanismo gaña en Euskadi e a dereita estatal fica sen oco

O soberanismo suma 12 actas en Euskadi e Nafarroa. O PNV recupera unha representación da que non gozaba hai 15 anos. O PP volve quedar fóra do reparto e Vox tampouco entra. Castigo a PSOE e Podemos, que baixan en votos e escanos.
Bel Pozueta, candidata de EH Bildu en Nafarroa, con Arnaldo Otegi. (EH Bildu)
photo_camera Bel Pozueta, candidata de EH Bildu en Nafarroa, con Arnaldo Otegi. (EH Bildu)

O PNV mellorou os resultados en Euskadi grazas a acta que sumou en Bizkaia, a cuarta por esa circunscrición, o mesmo que todas as demais forzas xuntas, co 35% dos apoios. Ni Gipuzkoa ni en Araba cambiaron as asignacións de actas do 28A. Mais si en Nafarroa, onde Bel Pozueta alcanzou un escano para EH Bildu. A formación que lidera Arnaldo Otegi chegou aos 276.519 nas catro circunscricións. O PNV sumou 377.423 para obter 7 cadeiras no Congreso, o seu mellor resultado desde 2004. 

 

 

As enquisas non se equivocaron. O nacionalismo vasco recupera posicións diante de Podemos, que perdeu un escano e 53.000 votos nas catro circunscricións, e do PSOE, que cedeu un escano por Nafarroa, o que gaña EH Bildu. Máis alá do reparto de actas entre as catro principais formacións en competición, Navarra Suma, a marca do PP, volveu gañar en Nafarroa e conseguiu manter os dous escanos. Porén, o PP volveu quedar fóra do reparto en Araba por segunda convocatoria consecutiva. 

A dereita fica reducida á representación de Navarra Suma, mentres os dous grandes partidos estatais á esquerda, Podemos e PSOE ceden apoios. Como no resto do Estado, a dinámica parece ser a de castigo as dúas forzas que non conseguiron formar Goberno despois do 28A e, en paralelo, un reforzo do nacionalismo polo desafío que o Estado mantén coas forzas independentistas catalás. Precisamente EH Bildu, nesta campaña chamou primeiro á unidade das forzas soberanistas das nacións sen Estado e, despois, Otegi volveu convidar a Podemos a poñerse detrás destas forzas se o que quere e confrontar co Réxime do 78.

Podemos, lonxe das vitorias de 2015 e 2016

O resultado das votacións ao Congreso subliña a demanda de Otegi. Podemos quedou por detrás de EH Bildu por primeira vez despois de ter gañado as estatais en Euskadi en 2015 e na repetición de 2016. Pola súa banda, o PSOE, que parecía recuperado das derrotas naqueles mesmos anos, volve baixar en votos despois dun bo resultado en abril. Vox, como na Galiza, segue fóra do reparto de escanos e, no caso de Euskadi, o seu crecemento foi insignificante. O PP apañou todo o voto de Ciudadanos, pero a dereita non dá para máis e o recambio de Javier Maroto, a número un por Araba, Marimar Blanco, só sumou cincocentos votos máis que Maroto hai seis meses.

Comentarios