domingo 28/02/21

O estado da nación, a debate

O Parlamento galego acolle esta terza feira a primeira das dúas xornadas do debate do estado da Nación, unha cita que cumpre nesta sesión as súas vodas de prata.

parlamento de galiza
Parlamento da Galiza

Desde hoxe e até a quinta feira o estado de Galiza será submetido a un ‘chequeo’ a fondo en sede parlamentar. Dous días de intervencións, réplicas e contra-réplicas para un diagnóstico da situación actual do país. Un debate que finalizará de 40 (mínimo) a 200 (máximo) resolucións aprobadas. Mais o importante, máis que as resolucións e conclusións, será o debate, os argumentos, as cuestións e temas nos que cada un dos grupos fará fincapé ou non nas súas intervencións.

Núñez Feijóo apostará na liña argumental mantida nestes cinco anos de goberno: Galiza está na mellor das situacións posíbeis dadas as circunstancias. Compararase con outros territorios do Estado en pior situación e tentará saír airoso daqueles temas que máis o prexudican: aumento do paro, corrupción, caos no inicio do curso polos recortes e desleixo da Xunta, desvío de parte do flotel de Pemex a Cádiz, depauperación da sanidade, desaparición de Galiza como suxeito no debate sobre a reconfiguración do Estado...

Cambio de rumbo

O BNG comezou o debate a pasada sexta feira e fíxoo a través das redes sociais e de man da cidadanía. Un encontro no que o portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera, adiantou que “vai defender un cambio nas prioridades de Goberno da Xunta para centralas na loita contra o desemprego e a pobreza”. A defensa do “dereito a decidir” será outra das cuestións claves na intervención do BNG..

Pola súa banda, AGE, segundo recolle Europa Press, vai exixir un xiro de 180 graos nas políticas da Xunta, para poñer fin á destrución do tecido produtivo de Galiza. Tamén reivindicarán o estabelecemento dunha renda mínima para todas as persoas.

Méndez Romeu, PSdeG-PSOE, e como avanza EP, denunciará os efectos das duras políticas de recortes e axustes impulsada desde a Xunta.

Estrutura do debate esta terza feira 7 outubro:

10 horas.- Intervención de Feijóo. Sen límite de tempo.

16 horas. Intervención dos portavoces dos grupos parlamentares. 40 minutos para cada un deles.

Feijóo ten tempo ilimitado para contestar aos grupos da oposición, de forma individualizada ou en conxunto.

A seguir, os portavoces teñen unha réplica de 10 minutos, despois da cal fecha o debate o presidente da Xunta, outravolta sen límite de tempo.

O debate continuará a quinta feira coa substanciación das propostas de resolución.

comentarios