Antón Gómez Reino, secretario xeral de Podemos Galicia

"O espazo de cambio é sólido e vai ser sólido suceder o que suceder co partido instrumental"

En Marea tal e como existe non funciona e Luís Villares debería demitir como portavoz do grupo parlamentar porque a día de hoxe só representa un sector da confluencia. O "espazo de cambio" ten que se ensanchar e vai continuar "suceder o que suceder co partido instrumental". Estas son as mensaxes básicas que deixou o secretario xeral de Podemos Galicia Antón Gómez Reino nunha entrevista na Ser.

Antón Gómez-Reino

Non hai que dar por certa a ruptura de En Marea e moito menos en vésperas das municipais de maio. Mais tampouco existen garantías de que a confluencia tal e como a coñecemos vaia sobrevivir. Esa é a conclusión que se tira das medidas declaracións do dirixente da formación morada na antena de Radio Galicia.

 "O espazo de cambio no país é sólido e vai ser sólido suceder o que suceder co partido instrumental; ese é o compromiso de Podemos Galicia", dixo. O "partido instrumental" é a forma xurídica da marca coa que a confluencia —a daquela alianza de Cerna e villaristas co triángulo Anova-Podemos-Esquerda— compareceu nas eleccións galegas de 2016. Agora non sería suficiente, fica aquén das aspiracións de Gómez Reino: "É imprescindíbel facer un espazo máis amplo, máis grande, onde os partidos, a sociedade civil e as mareas municipalistas estean cómodas".

En maio —municipais e europeas— ese espazo debe continuar a existir visando "consolidar o cambio nas eleccións municipais e tendo un bon resultado nas europeas, fundamental para frear a extrema dereita".

Sobre a delicada situación en que fica Luís Villares, refrendado como portavoz orgánico da confluencia mais en minoría no grupo parlamentar, Gómez Reino foi moi claro: de estar nunha tesitura semellante, el demitiría. A razón? Que non representa o conxunto da organización e que, alén do máis, avala na práctica un proceso, as primarias, "plagado de irregularidades", dixo.

Comentarios