Elena Candia substituirá Diego Calvo como vicepresidenta primeira do Parlamento galego

Candia sumarase á Mesa do Parlamento, presidida polo popular Miguel Santalices. O resto de integrantes da Mesa do Parlamento son a deputada do BNG Montse Prado, como vicepresidenta segunda; a do PP Corina Porro, como secretaria; e a representante do PSdeG Mariña Ortega, como vicesecretaria.
Elena Candía será vicepresidenta primeira do Parlamento Galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Elena Candía será vicepresidenta primeira do Parlamento Galego. (Foto: Europa Press)

O grupo parlamentario do Partido Popular (PP) na Galiza avanzou na mañá desta sexta feira que proporá no pleno ordinario da vindeira semana a designación da deputada e viceportavoz Elena Candia como vicepresidenta primeira do Parlamento galego.

Candia, presidenta do PP de Lugo, substituirá o seu homólogo coruñés, Diego Calvo, despois de que o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o nomease vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Candia é licenciada en Dereito e doutoranda no estudo de entes locais. Foi alcaldesa de Mondoñedo desde 2015 até marzo de 2020.

Tamén ocupou o cargo de portavoz do PP na Deputación de Lugo desde finais de 2011, institución que presidiu nun breve período, entre xullo a outubro de 2015.

A nivel orgánico, é a presidenta provincial do PP de Lugo desde marzo de 2016. Así mesmo, é membro da Comisión de Igualdade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Candia sumarase á Mesa do Parlamento, presidida polo popular Miguel Santalices. O resto de integrantes da Mesa do Parlamento son a deputada do BNG Montse Prado, como vicepresidenta segunda; a do PP Corina Porro, como secretaria; e a representante do PSdeG Mariña Ortega, como vicesecretaria.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios