Tres traballadoras municipais de Leiro están censadas na Casa do Concello

O PSdeG da localidade de Leiro denunciou “graves irregularidades” na xornada do pasado 28-M.

Casa do Concello de Leiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Casa do Concello de Leiro. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG de Leiro, na comarca do Ribeiro, denunciou esta terza feira "graves irregularidades" no censo municipal e asegurou que constatou, durante a xornada electoral do pasado 28 de maio, que tres traballadoras municipais "están censadas na casa do Concello" do municipio, o que considera que "desvirtúa" o censo e "trátase dunha práctica tramposa, cacique e impropia dun sistema democrático".

Desde a agrupación socialista poñen o foco no alcalde do municipio e senador do Partido Popular, Francisco José Fernández, ao que acusan de "estar detrás" da actuación, subliñando que é "inadmisíbel que empadroe persoas na casa do Concello". Valoran tomar "medidas legais oportunas" para pór a circunstancia en mans das autoridades competentes.

O número un da lista socialista en Leiro, Pedro José González, explica que o pasado domingo, coincidindo coas eleccións municipais, levantou tres actas cando estas traballadoras acudiron a votar, xa que unha vez comprobado o censo tiveron constancia de que o seu lugar de empadroamento era a sede do Concello.

Ademais, o futuro portavoz socialista na corporación municipal indica que após levantar as actas o alcalde dirixiuse cara a el esgrimíndolle que "non tiña potestade para levantar as actas e tentou impedir que se dese conta do modo de actuar".

"Tramposo"

Nestes termos, González afea que o alcalde é "un tramposo" que "non acepta as regras da democracia" e que "ten que recorrer a empadroamentos irregulares nun edificio público e propiedade de todos os veciños e veciñas".

O socialista cuestiona que estas tres persoas accederon ao empadroamento irregular a pesar de "saber perfectamente como funciona a lei, pois en dou dos tres casos son as persoas encargadas de realizar o padrón municipal" no municipio.

Ademais, o PSdeG de Leiro avanza que xa puxo en coñecemento da Xunta Electoral esta situación a través das actas levantadas e estuda tomar medidas "para que non se volva a repetir" o próximo 23 de xullo nas eleccións xerais.

Non lle constan

Respecto desta situación, o rexedor municipal, Francisco José Fernández, asegura que lle parece "moi ben" que os socialistas tomen as medidas que consideren oportunas e esgrime que "non" lle consta que "haxa ningunha acta levantada", así como "tampouco onde están censadas" as traballadoras.

"É secreto e persoal, non teño nin idea de onde están censadas. Nin o mirei", sostivo o alcalde do concello da comarca do Ribeiro, que pola súa banda critica que "o Partido Socialista se non sabe perder, ten que aguantarse".

A pesar de non ter constancia da acta si que recoñece que se dirixiu cara ao portavoz socialista cando quixo facer constar a incidencia, pero tan só "para dicirlle que el non podía facelo debido a que son os interventores os únicos que poden constatar as incidencias e el non o era".

"Que vaia onde queira e que diga o que queira", resolveu o alcalde, que reprocha que "os que son caciquís son eles". "Eu non levei a ninguén agarrado do brazo para ir votar e eles si", acusou.

Comentarios