28-M

O PSOE de Trazo denuncia o "caciquismo" do PP co padrón: "Visitan os veciños co censo na man"

O candidato socialista no municipio cre que o "uso ilegal" do padrón de habitantes por parte dun candidato do PP pode vulnerar a lexislación electoral e de protección de datos e advirte: "Non imos consentir que se pretenda controlar aos veciños nin condicionar o seu voto".
O candidato socialista á Alcaldía de Trazo, Eugenio Pazos. (Foto: PSdeG)
photo_camera O candidato socialista á Alcaldía de Trazo, Eugenio Pazos. (Foto: PSdeG)

O PSdeG presentou esta cuarta feira ante a Xunta Electoral de Santiago unha denuncia dirixida contra o PP de Trazo (comarca de Ordes) por mor do "uso ilegal" do padrón municipal de habitantes por parte da formación política conservadora, que actualmente goberna da man da alcaldesa Josefina Suárez López.

Segundo indican nun comunicado, os socialistas de Trazo acompañan a denuncia con documentos gráficos nos que se evidenciaría que un candidato do PP na localidade realiza visitas aos veciños, "levando á vista no parabrisas do seu coche particular o padrón municipal de habitantes".

No devandito padrón, remarcan os socialistas, figuran "datos protexidos de todos os veciños de Trazo, como nome e apelidos, enderezo e persoas que residen en cada domicilio e mais a data de nacemento".

"Non pode ser que os candidatos do PP anden visitando as casas co censo na man, é un asunto moi grave e unha clara vulneración da Lei electoral e da Lei de protección de datos", advertiu o candidato socialista á Alcaldía de Trazo, Eugenio Pazos.

"Iremos até o final do asunto para saber de onde saíron estes censos, canto tempo leva empregando o PP o padrón de habitantes de Trazo e con que finalidade. Estamos ante as peores prácticas caciquís do PP. Non imos consentir que se pretenda controlar aos veciños nin condicionar o seu voto. Dei un paso á fronte para cambiar Trazo e para defender os intereses de todos os veciños, e iso é o que vou facer, en primeiro lugar garantindo que voten en absoluta liberdade", resolveu.

Comentarios