Por unha presunta violación da lei de protección de datos

A dirección de En Marea entregará á Fiscalía a auditoría sobre o censo

Gonzalo Rodríguez, responsábel da custodia do censo das primarias da confluencia, entende que os "accesos non autorizados" de tres membros do Comité Electoral son susceptíbeis de constituír unha violación da lexislación sobre protección de datos. O membro da Comisión de Garantías, órgano de maioría villarista, mostrou a súa convicción de que as votacións finalmente terán lugar, unha vez que se materialicen medidas que poñan a salvo a confidencialidade dos datos das persoas inscritas. Dificilmente será esta fin de semana.

gonzalo rodriguez en marea
photo_camera Gonzalo Rodríguez, nunha comparecencia.

O conflito político-burocrático que abala o edificio En Marea desde o sábado 1 de decembro, cando foron suspendidas sine die as votacións das primarias, vaise trasladar ao ámbito xudicial, ao anunciar esta cuarta feira Gonzalo Rodríguez a intención de dar traslado á fiscalía do informe pericial sobre o proceso.

De acordo co avanzado esta segunda feira por Rodríguez, a auditoría tería rexistado accesos non autorizados de no mínimo tres integrantes do comité electoral. Esta cuarta esclareceu que o informe tamén detectou entradas no ficheiro de datos desde dúas IPs de persoas non pertencentes a ese órgano, controlado polo sector crítico.

En conferencia de imprensa realizada na sede nacional de En Marea, o responsábel do censo negou que os membros do comité electoral tivesen dereito de acceso ilimitado ao listado. Explicou que de acordo coas resolucións asemblearias tiñan capacidade de supervisión e control, mais non un mandato que os facultase para entrar no ficheiro sen autorización do seu custodio. "Non houbo consentimento tácito pola miña parte", asegurou categórico."t

Rodríguez enfatizou que a decisión de dar traslado da auditoría á fiscalía non vai interferir no desenvolvimento das votacións destas primarias e que estas finalmente se materializarán en canto se dean introducido novas medidas de seguranza que garantan a confidencialidade dos datos das persoas inscritas. Non desbotou que vaian ser esta fin de semana, mais deu a entender que o probábel é que non haxa tempo material para facelas con esa premura. "Estamos a mércores...", dixo. "Vaise votar, sen dúbida. Mais as votacións deben producirse cunha serie de garantías, sen pasar por riba dos dereitos de ninguén", acrecentou.

Interpelado a respecto de se o traslado da auditoría á fiscalía non aboca En Marea definitivamente a un cenario de ruptura, Rodríguez estendeuse sobre a contradición que ao seu xuízo existe na confluencia entre a inmensa maioría dos seus membros, que realizan un "traballo moi valioso" na construción dunha alternativa política, e "un pequeno grupo de persoas que verte unha capa de tinta que escurece ese labor positivo".

"Desde a Coordinadora [órgano equivalente a unha executiva] tentamos ser moi escrupulosos coas regras do xogo", explicou. "Se hai persoas que suxiren que debemos ollar para outro lado, pois que saiban que esta Coordenadora non veu aquí para pedirlle aos demais [ás demais forzas políticas] que fagan o que logo nós non nos exiximos a nós mesmos. Nós desde logo non imos tapar nada", remachou.

Comentarios