Un día para fechar as coalicións que concorrerán ás eleccións do 12 de xullo

Colexio electoral na Coruña (arquivo).
Previsibelmente, catro coalicións se presentarán ás eleccións galegas nesta ocasión. Galicia en Común-Anova Mareas mantén as súas listas e xa rexistrou a súa participación nos comicios. 

O prazo para a presentación de coalicións electorais finaliza esta sexta feira co panorama máis despexado que para o 5 de abril, aínda que haberá que esperar aínda á última da xornada de mañá para despexar as incógnitas das alianzas, previsibelmente catro, para a cita coas urnas do próximo 12 de xullo.

Galicia en Común-Anova Mareas, que para a pasada cita do 5 de abril apurou os trámites ao fío da medianoite, rexistrou xa hoxe, con máis de 24 horas de marxe, a súa coalición diante da Xunta Electoral, na que pediran cita previa para poder cumprir con este trámite de forma presencial, como é preceptivo agora no Pazo do Hórreo.

Os termos son os mesmos que os pactados para o 5 de abril e unicamente se recollen un par de modificacións ou matizacións fronte ao que se fixo naquela ocasión, na que até cinco minutos antes da medianoite non se asinou o acordo finalmente rexistrado.

Así, segundo fontes da coalición consultadas por Europa Press, o pacto económico queda máis concreto e especificado. O 70% dos recursos económicos son para a rama Unidas Podemos (a repartir entre Podemos e Esquerda Unida, aínda que non queda plasmado como é a distribución).

O 30% restante é para Anova que, no propio acordo rexistrado na Xunta electoral, se especifica que o poderá repartir. Desta maneira, a formación nacionalista creada por Xosé Manuel Beiras queda cun 19% dos fondos, un 6% é para Marea Atlántica e un 5% vai para Compostela Aberta.

Previstas outras tres coalicións 

Á marxe desta coalición, En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista negociaron na última semana unha coalición que está próxima a frutificar, pero que polo menos terá que esperar a esta sexta feira a ser rexistrada na Xunta Electoral. A ela tamén se sumarían varias marcas municipalistas.

Ademais, concorrerán en coalición Espazo Común, a formación impulsada polo que foi secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, xunto a Recortes Cero e Os Verdes cara ás próximas eleccións do 12 de xullo.

A cuarta coalición chámase Unidos polo futuro!, e é a alianza de Unidos pola Solidariedade Internacional, Democracia Efectiva e Unión Demócrata do Pobo, cuxo presidente, José Carlos Seoane Osorno ratificou a Europa Press que volverán concorrer.

"Traemos un proxecto novo, unhas ideas revolucionarias, unha nova maneira de facer política e de democracia", asegurou o presidente de Unión Demócrata do Pobo, a formación galega de referencia neste pacto e que achega a maioría de nomes ás listas electorais.

Ciudadanos

Mentres, Ciudadanos está a insistir ao Partido Popular para concorrer en coalición ás eleccións galegas, a pesar de que xa o intentaron en febreiro e non foi posíbel alcanzar un acordo.

O PP, con Alberto Núñez Feixoo á fronte, segue sen abrirse a esta fórmula e prefire presentarse coas súas propias siglas. As populares sosteñen que o seu proxecto está "consolidado" na Galiza, onde o actual presidente da Xunta logrou tres maiorías absolutas consecutivas.