A Xunta bota balóns fóra no protocolo do 12-X

A pesar de a Xunta ser a encargada de tutelar o proceso electoral do 12-X, as propostas anunciadas polo vicepresidente Alfonso Rueda para votar en pandemia foron colocadas no tellado da Xunta Electoral e do Goberno estatal. "Non temos competencias", repetiu Rueda. 
 
O vicepresidente Alfonso Rueda presentou onte o protocolo para votar o 12-X que será ratificado na sexta feira no Consello da Xunta.
photo_camera O vicepresidente Alfonso Rueda presentou o protocolo para votar o 12-X que será ratificado na sexta feira no Consello da Xunta (Imaxe: Xunta)

A Xunta da Galiza presentou na cuarta feira, 27 de maio, a súa proposta de protocolo para o desenvolvemento da xornada electoral do 12 de xullo, para votar nun contexto de pandemia. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, enunciaron varias medidas sobre as que remarcaron reiteradamente "non teren competencias", apuntando a que sería a Xunta Electoral ou o Goberno estatal quen tivese que ordenar o que eles propoñen. 

Voto por correo

Entre as formulacións da Xunta está a de facilitar o voto por correo e a de ampliar os seus prazos, tanto para solicitalo como para depositar o voto na oficina postal. Para esta modalidade, a Xunta pide que se arbitre un sistema que, garantindo a autentificación da cada electora, se  permita votar sen saír da casa, para evitar así aglomeracións nas oficinas. Tamén propoñen este modelo para que voten as persoas usuarias de residencias.

A cousa consistiría, segundo detallaron desde Vicepresidencia a Nós Diario, en que unha persoa funcionaria de correos acuda a recoller o voto á vivenda de cada persoa que solicitase exercer o sufraxio por correo. Aclaran, iso si, que esa é a petición que fai a Xunta ao Goberno estatal, mais que, en caso de non se considerar posíbel por mor dos medios, a proposta sería que, cando menos, si se recollese o voto por correo ás persoas maiores, vulnerábeis e ás que se atopen en residencias. 

Solicitude telemática

A Xunta tamén pedirá que a través de medios telemáticos se poida tanto solicitar o voto por correo como facilitar o exercicio do voto por poder para, á marxe do colectivo habitual que pode requirir o uso desta vía, facilitar exercer o dereito ao voto de persoas que o 12-X "tivesen que estar en illamento ou en corentena no seu domicilio".

Actualmente só se admite a representación mediante un poder para solicitar o voto por correo baixo caso de enfermidade ou incapacidade, medicamente acreditada, que impida presentarse en correos. É preciso dispor ademais dun documento notarial para que a outra delegada poida solicitar o voto. 

Con todo, para evitar falsear a vontade, só unha persoa poder ter un poder. Isto dificultaría o plan da Xunta se nas datas electorais houbese un número significativo de persoas en corentena ou isoladas en centros como os de maiores. 

Maiores nas mesas

Rueda avanzou que o protocolo da Xunta inclúe unha recomendación a persoas maiores de 65 anos e vulnerábeis á COVID-19 para que, no caso de tocarlles asistir á mesa como membros delas, soliciten unha exención para non facelo. Non é unha prohibición, senón unha recomendación, recalcou Rueda, e deixou a palabra final sobre a Xunta Electoral, botando balóns fóra baixo o paraugas de que, outra vez, o Goberno galego non "ten competencias para isto". 

Preguntado o vicepresidente polos medios por se a Xunta esperaba unha manchea de renuncias para non participar nas mesas, alén das que realicen persoas maiores e vulnerábeis, Rueda amosouse confiado en que non haberá máis que noutras ocasións.

Rueda recomenda a maiores pedir exención se lles toca ser membros da mesa electoral

Votar desde o estranxeiro

No contexto dunha pandemia que é mundial, non só a Galiza ten dificultades para votar.  Desprazarse en Estados de grandes dimensións a unha oficina consular non é normalmente tarefa doada para as galegas e galegos residentes no exterior, e menos coa situación sanitaria actual. Ante iso a Xuta só di que "espera" que se manteñan todos os trámites xa realizados por electoras no exterior para votar na convocatoria falida do 5-A, e que, por tanto, non se teñan que voltar a realizar. Neste caso, repetiu tamén que "non teñen competencias" e que o papel da Xunta é facer a petición ao Ministerio de Exteriores. 

Con máscaras e sen cortinas nas cabinas

As cabinas perderán as súas características cortinas para evitar tocalas coas mans. Sinalizaranse os accesos e itinerarios nos colexios para evitar aglomeracións e a máscara será obrigatoria.  Poderase levar desde a casa mais tamén haberá nas entradas dos centros. Haberá xel hidroalcólico e, para as persoas alérxicas a esta solución, haberá luvas. Para votar, o documento de identidade non se entregará na man de ninguén. Pousarase nunha bandexa. Darase prioridade de acceso ao colexio ás persoas maiores para que estean o menor tempo posíbel tanto na espera como na votación, indicou Rueda. 

As e os membros de mesa terán máscaras para renovar cada catro horas como máximo, pantallas e para ao escrutinio luvas.

Os documentos de identidade deixaranse nunha bandexa e levarase máscara

O PSdeG oponse a recortar

Na presentación das medidas, Rueda non fixo mención á pretensión xa lanzada polo PPdeG de acurtar a campaña a unha semana. Mais reducir os tempos de explicación de programa e de debate e concilialo con enviar funcionariado a buscar os votos casa por casa de quen tivese pedido votar por correo, leva a colocarse nun escenario en que, para cumprir cos tempos, todo indica que se tería que votar antes de ter comezado a campaña. 

Precisamente sobre a opción de acurtala pronunciouse o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. "Por lei", dixo, "a campaña non se pode acurtar. Para que haxa eleccións competitivas, con garantías, esta debe ter un mínimo de 15 días".  

En Común pide á Xunta un marco regulado para o 12-X

De "inaudito" cualifican fontes de Galicia en Común a Nós Diario as medidas anunciadas por Rueda, a quen acusan de botar balóns fóra baixo o argumento de "non ter competencias". Nese sentido, desde a coalición insisten en subliñar que é a Xunta quen ten a obriga de tutelar o proceso electoral. Por iso piden ao Goberno galego que elabore "un marco regulado institucionalmente para que a xente saiba que pode ir votar con medidas de seguridade, máis alá de que se estipulen cuestións básicas como a sinalización dos accesos ou o uso de máscaras".

"Se hai que ir con máscara, se hai risco para a saúde das persoas e de que se produzan contaxios nos colexios, o lóxico sería que institucionalmente se regulase como vai ser o 12-X". 

A oposición está en contra de cambiar as condicións do voto delegado 

O BNG ve falta de garantías

"Queremos que vote todo o mundo, mais dándose as máximas garantías democráticas", sinala a Nós Diario a coordinadora de campaña do BNG, Goretti Sanmartín. "Neste momento nas oficinas de correos, por motivos sanitarios, non se está a exixir a sinatura da remitente ao facer envíos", sinala a nacionalista como unha cuestión que no voto por correo podería dar lugar a  fraude.

En canto ao sufraxio delegado, Sanmartín lembra que xa está regulado na lei, en caso de enfermidade ou discapacidade que impida ir votar, polo que non ve necesario "ampliar o esquema" e negouse a que un grupo de persoas poidan delegar nunha soa o voto. Sobre o sufraxio delegado sinalou ademais que o propio Colexio de Notarias  dixo que non había persoal suficiente para facer un proceso xeneralizado de emitir poderes sobre outras persoas. "A presentación de Rueda certifica que hai moita improvisación e que van ás eleccións con múltiples procedementos no ar". 

En Marea acusa o PP de pensar só nas súas siglas

Desde En Marea sinalan a Nós Diario que "antes de convocar as eleccións, a Xunta tiña que ter pactado co Estado as medidas de seguridade". Para esta formación, "as présas e a improvisación demostran que o PP non pensaba na xente, senón neles mesmos".  

Tampouco ven acertado o envío de funcionariado a residencias e sobre o voto por poder discrepan do formulado por Rueda. "Se unha persoa ten capacidade para emitir unha declaración de vontade diante da notaria, tamén a ten para facelo na mesa electoral ou por correo. Non imos lexitimar un sistema de apoderamento incerto fronte ás presións dos caciques", din. 

Comentarios