Galicia en Común propón un "plan de rescate" de Alcoa con críticas á "desidia" de Feixoo

"Alcoa é o exemplo máis dramático de como a desidia e a incompetencia dun gobernante poden pór en risco a forma de vida de centenares de familias de traballadoras", salientou Antón Gómez-Reino en referencia ao presidente da Xunta.
Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, apostou por deseñar e pór en marcha de inmediato un plan de rescate de Alcoa que garanta a viabilidade da empresa, e que, en colaboración con todas as institucións públicas afectadas, poña todos os recursos da Administración galega ao servizo do mantemento do emprego na factoría.

"Nestes 11 anos de goberno de Feixoo, a Xunta ten sido un mero espectador do desmantelamento da industria da Galiza, da destrución de miles de postos de traballo no sector e da depauperación de comarcas enteiras", criticou Gómez-Reino, para engadir que "Alcoa é o exemplo máis dramático de como a desidia e a incompetencia dun gobernante poden pór en risco a forma de vida de centenares de familias de traballadoras".

Gómez-Reino lembrou que o Estatuto da Galiza outorga á Xunta plenas competencias en materia de promoción económica e de protección da industria, e que, polo tanto, corresponde a Adminstración galega adoptar as medidas necesarias para protexer, promover e asegurar a continuidade da actividade en Alcoa.

"O presidente da Xunta desenténdense das súas obrigas cando responsabiliza a outras Administracións de non asumir as competencias que en realidade lle corresponden a el", salientou, "Galiza leva 11 anos perdendo músculo industrial e non existe estratexia algunha para frear esa sangría e para impedir que as deslocalizacións estean a converter o noso país nun deserto industrial".

A coalición solicitará no Parlamento galego, a través do Grupo Común da Esquerda, a comparecencia de Alberto Núñez Feixoo na Deputación Permanente para someter ao control parlamentar "a inacción da Xunta" perante a crise de Alcoa. 

Comentarios