Unha deputada de Podemos pasa ao grupo mixto: "Non quero ser cómplice do engano ao noso pobo"

O grupo parlamentario de UP insta Meri Pita a deixar a súa acta para non ser unha "tránsfuga".
A deputada canaria Meri Pita, agora no grupo mixto (Foto: Europa Press).
photo_camera A deputada canaria Meri Pita, agora no grupo mixto (Foto: Europa Press).

A deputada canaria de Unidas Podemos (UP) Meri Pita comunicou esta quinta feira, nunha carta dirixida ao grupo parlamentario confederal, a súa intención de abandonalo e manter a súa acta de deputada dentro do grupo mixto.

Na misiva, á que tivo acceso o xornal El País, ela e máis outros once cargos de Podemos Canarias explican que a marcha de Pita se debe a "seguir defendendo o proxecto que a levou até alí".

Aluden, neste senso, a "facer políticas diferentes, representar a nosa terra, exercer a función pública doutro modo e transformar as institucións, defendendo os compromisos electorais".

Se ben descarta ter "intención ningunha de debilitar o Goberno" e afirma que o seguirá apoiando "en todo aquelo que o mereza", critica que a formación sexa "cómplice" do "engano ao noso pobo".

Após ter coñecemento desta misiva, o grupo confederal instou Pita a deixar a súa acta no Congreso no canto de se converter nunha "tránsfuga".

"Estamos ante a decisión dunha persoa que logrou unha acta de deputada presentándose nas listas de Unidas Podemos, e 140.000 canarios votaron Unidas Podemos para que este proxecto político os representase no Congreso", apuntaron fontes da formación morada.

Coa súa marcha, o grupo de UP fica con 33 deputados e deputadas, xa que o partido que lidera Ione Belarra decidiu non ocupar a acta que deixou libre, tras a súa inhabilitación, o tamén canario Alberto Rodríguez. O Goberno de coalición pasa das 155 que tiña no momento da investidura a 153.

Comentarios