O DEBATE: É precisa unha reforma da Constitución española de 1978?

A Constitución española fai este 6 de decembro 45 anos. Os xuristas Henrique del Bosque e Julio Fernández debaten sobre a posibilidade de reformala.

La presidenta del Congreso, Francina Armengol, saluda al primer hombre que ha entrado al Congreso durante la Jornada de Puertas Abiertas en el Congreso de los Diputados, a 1 de diciembre de 2023, en Madrid (España). Las jornadas de Puertas Abiertas en el Congreso de los Diputados se organizan desde 1997 en el marco de los actos de conmemoración del Día de la Constitución, el 6 de diciembre con el fin de permitir a los ciudadanos realizar un recorrido por las estancias más representativas. Este año se celebra la 26º edición de las Jornadas, en la que los asistentes podrán conocer el Palacio de la Carrera de San Jerónimo durante hoy y mañana, 2 de diciembre, en horario ininterrumpido de 09:30 a 19:00 horas.
01 DICIEMBRE 2023;CONGRESO;PUERTAS ABIERTAS
Eduardo Parra / Europa Press
01/12/2023
photo_camera Xornada conmemorativa do 45 aniversario da Constitución desenvolta na sexta feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press). 01/12/2023

Que reforma constitucional?

Henrique del Bosque. Xurista e ensaista.

 

A Constitución española foi elaborada baixo a espreita e tutela dos poderes fácticos do franquismo, feito que se evidenciou nitidamente na coacción exercida cando a redacción do seu artigo 2. E, aínda que resulta habitual realizar reformas constitucionais nos Estados democráticos, a Constitución española só foi modificada en dúas ocasións para adaptarse ás esixencias europeas. Aliás, o modelo territorial, cerna principal de incomodidade social e identitaria, de confrontación entre as Comunidades histórica e o Estado e fonte de conflitos e inestabilidade política, semella constituír un tema tabú cuxa soa mención desata airadas e irracionais reaccións de fundamentalismo (ou fanatismo) constitucionalista.

A 45 anos vista, parece difícil cuestionar que o resultado é un marco superado incapaz de recoñecer a plurinacionalidade do Estado e de dar satisfacción e encaixe ás lexítimas arelas de mudanza dos pobos que non comungan coas ataduras constitucionais. E, aquí, o problema non é o principio de legalidade senón un principio democrático que semella ficar excluído da ecuación. Neste sentido, como ten apuntado o profesor Benito Aláez Corral, un sistema democrático ten que abrir canles de deliberación e formación da vontade popular sobre as fórmulas de convivencia común, mais tamén da decisión de modificar ou cesar nesa convivencia. De feito, cando nun Estado non hai consenso sobre o demos nacional e se recorre á imposición maioritaria, aferrándose ao inmobilismo constitucional, faise difícil falar de democracia para as minorías.

Son moitos os aspectos da Constitución que reflicten as enormes limitacións e a precariedade para decidir, por parte das Comunidades históricas, en ámbitos fundamentais sobre os que manter a súa identidade nacional con garantías de futuro. Fixémonos, por exemplo, no art. 1, que só recoñece politicamente un pobo. No art. 2, que nega a existencia das outras realidades nacionais. Na posición supremacista do castelán do art. 3. E, como non, nas competencias económicas exhorbitantes dos arts. 131 e 149.13 ou na exclusividade estatal sobre 32 materias básicas para calquera xeito de autogoberno. En realidade, a Constitución acubilla unha concepción esencialista e primordialista de nación cuxa indivisibilidade e indisolubilidade danlle o seu sentido e fundamento. Unha unidade que, coma di Juan Ramón Fallada García-Valle, estase a converter na alfa e omega do entendemento correcto de todo o ordenamento xurídico español. Por isto, ou se trata dunha reforma de calado ou falamos dun apaño para aparentar un pouco máis. Sen espazo para entrarmos en detalles, dicir que cumpriría a reformulación e delimitación de competencias, materias e poderes, xudicial incluído. A contemplación da plurinacionalidade; creación dunha auténtica Cámara de representación territorial; estabelecemento de mecanismos de participación efectiva das Comunidades nas institucións do Estado e nos asuntos internacionais que lles afecten. En fin, recoñecer un demos complexo, non só de individuos, senón tamén de pobos que mesmo dispoñan dun procedemento pactado para poder expresar a súa vontade de autodeterminación.

É posíbel tal mutación? En teoría si. A Constitución española non incorpora criterios de intanxibilidade; non existe ningún núcleo normativo inaccesíbel aos procedementos para a súa reforma parcial ou total, tal e como recoñece o Tribunal Constitucional en sentenzas como as SSTC 103/2008, 31/2009 ou 42/2014. E na práctica? En estrita legalidade, a necesidade de seguir o procedemento do art.168 fai impensábel pensar en tal posibilidade. Este artigo introduciu un nivel de dificultade e de rixidez tal que semella pensado para imposibilitar, na práctica, calquera reforma substancial. Porén, como noutros lugares se ten amosado, a democracia é un compromiso coa liberdade e cos dereitos e non cun modelo de Estado. E a democracia debe ser o compromiso!.


45 anos da Constitución española de 1978

Julio Fernández. Catedrático de Dereito Constitucional na USC

 

Constitución española de 1978 é un símbolo da nosa historia democrática. Baseada nun consenso político que agora botamos en falta, foi capaz de superar o sistema autoritario anterior e situar a España no contexto dos países europeos onde a liberdade e a igualdade son categorías centrais dos sistemas políticos. Deste xeito inaugurouse un período de estabilidade democrática descoñecido no noso país ata o momento. Trátase dunha norma xurídica superior que parte do valor da dignidade da persoa para organizar os poderes públicos desde a lóxica dun sistema parlamentario e para atribuír a cidadanía de precisos dereitos fundamentais. No seu seo son múltiples os elementos para fomentar o pluralismo e a participación política, social e cultural. Deste xeito, foi quen de implantar de forma sólida un Estado democrático e social de dereito. Ata tal punto foi o seu acerto que no ámbito internacional foi estudada e serviu de exemplo para outras previsións normativas en distintos países.

Pero 45 anos despois da súa aprobación, como é habitual nas normas xurídicas, faise necesario actualizar determinadas cuestións, que recollemos de forma sintética a continuación: hai que poñer fin á prevalencia do varón na sucesión da Coroa (artigo 57.1); recoller na Constitución a integración europea e as relacións que implica; suprimir as referencias discriminatorias do artigo 49 ás persoas con discapacidade (que obviamente non son “diminuídos”); actualizar as cuestións de seguridade para darlle entrada á seguridade natural e ambiental, a á defensa nacional; reformar o Senado para que sexa auténtica cámara de representación territorial; e mellorar o tema territorial, avanzando nos mecanismos de integración e clarificando as regras de competencia. E tamén debe entrarse na sociedade tecnolóxica actual e futura. Neste mundo tecnolóxico a nosa Constitución ten que prever as cuestións esenciais respecto a eses temas, por exemplo, o control da intelixencia artificial, os límites do trashumanismo, a soberanía dixital e os dereitos dixitais e as súas garantías.

A meirande parte deste posibles reformas suxeridas por nós agora son cuestións técnico-xurídicas para mellorar o texto ou para adaptalo a elementos esenciais que evolucionaron desde o século pasado. Pero tamén é certo que outras hipotéticas modificacións presentan alta relevancia política, o que precisa decisións dese tipo, como para afianzar o papel do Senado ou reconfigurar a distribución territorial do poder. Como é sabido, a cuestión territorial quedou aberta en 1978, cun Estado Autonómico que superou a formulación do poder constituínte e que segue presentando amplos desacordos. Precisamos altura de miras para afrontar e salvar os desaxustes, aínda que a vulneración da orde constitucional por parte dalgúns, e a amnistía destes por parte doutros, non axuda á consolidación do proxecto constitucional, máis ben o deteriora e despreza.

De todos os xeitos, estas posibles reformas unicamente deben acometerse cun acordo político amplo entre os partidos e os axentes sociais. A nosa historia do século XIX sérvenos para ver que mal funcionaron os textos constitucionais de “partido” e excluíntes, baseados na concepción propia do grupo de poder, o que daba lugar a reticencias das restantes forzas. A Constitución de 1978 non foi así xa que conseguiu un verdadeiro consenso. Por iso hai que tratar de mantelo. Non pode facerse unha reforma de uns contra outros, senón unha modificación de suma positiva para todos, co desexo de que nos sitúe no actual século cos valores e co rigor técnico xurídico que se precisan ante o incerto futuro que nos espera. Só cun alto grado de acordo será unha obra que perdure máis alá dos cambios de goberno e conseguirá que a cidadanía a vexa con proximidade respecto aos intereses que verdadeiramente lle afectan.

Comentarios