CxG continúa a ver "indicios fiábeis" de contratacións do Sergas a Dorado cando Feijóo era o nº2

A formación que encabeza Xoan Bascuas mantén que empresas vinculadas ao narco forneceron combustíbel a hospitais de Pontevedra "entre 1991 e 1996", cando o actual presidente da Xunta era secretario xeral do departamento que depende da consellaría de Sanidade


Malia que Núñez Feijóo entregou á presidenta do Parlamento galego a información referida aos contratos e axudas que a Xunta subscribiu con empresas vinculadas a Marcial Dorado, Compromiso por Galicia mantén que o narcotraficante foi proveedor de gasóleo para a calefacción do Sergas "entre 1991 e 1996", cando o actual presidente do Goberno galego era vicepresidente deste departamento vinculado á consellaría de Sanidade. 

Malia apelar á prudencia e comprometerse a revisar "con detalle" a información que Feijóo entregou a Pilar Rojo, a mesma que remitiu á imprensa, o propio Xoan Bascuas, líder de CxG, afirmou en conversa con Sermos Galiza que dispón de "indicios fiábeis neste sentido". De ser así, os dados sobre contratación e subvencións outorgadas ás empresas do narco non estaría completa, pois na relación de consellarías que aparecen nos pagamentos que a Xunta fixo públicos non figura, en ningunha lexislatura, a de Sanidade. 

Nos dados que Feijóo entregou a Rojo non hai empresas de carburantes

No tempo en que se tomaron as fotografías (1995) e no tempo en que Feijóo foi secretario xeral do departamento, daquela dirixido por Romay Beccaría, os contratos teríaos asinado a consellaría de Pesca e as axudas a consellaría de Familia, muller e xuventude. Compromiso por Galicia non detallou cales son as empresas de Dorado que fornecían material ao Sergas. 

No documento facilitado pola Xunta son catro as empresas que se citan, vinculadas ao narco: Mitulo, Xatevín, Efectos navales Arousa e Inmobiliaria Marli. Si que apuntou CxG que foi unha das firmas de carburantes propiedade do arousán quen cubriu o abastecemento de combustíbeis a hospitais de Pontevedra na década dos '90, "concretamente ao antigo hospital provincial".

Feijóo recoñeceu unha amizade con Dorado que durou entre 1992 e 1998 -con chamadas telefónicas posteriores, no período 2001-2003, gravadas polo xuíz Vázquez Taín, e admitiu facturas por valor de 5.000 euros que corresponden coa súa primeira lexislatura á fronte do Goberno galego, entre 2009 e 2012.

Comentarios