Crear unha Administración pública máis eficaz, no acordo de Goberno entre PSdeG e BNG para a Deputación de Lugo

O nacionalista Efrén Castro ocupará a única vicepresidencia

Efrén Castro e José Tomé. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Efrén Castro e José Tomé. (Foto: Nós Diario)

O acordo asinado entre o PSdeG e o BNG para a Deputación de Lugo apela a incrementar o Plan Único cada ano ata alcanzar un millón de euros neste mandato, así como a manter en 5%, como máximo, do orzamento inicial as contías destinadas a subvencións excepcionais.

Así se recolle no documento feito público esta cuarta feira despois de que a pasada sexta feira se constituíra a nova corporación, na que o socialista José Tomé volve ocupar a presidencia e o nacionalista Efrén Castro Caloto a vicepresidencia.

Respecto diso, o presidente destacou que este acordo servirá para dar “un novo impulso ao proxecto de progreso social e económico que teñen”, no que consolidarán a cooperación cos concellos como “elemento vertebrador” das súas políticas.

Entre outras cuestións, o documento, que recolle a creación da vicepresidencia única que ocupará o nacionalista Efrén Castro, aposta por afianzar o principio de cooperación interinstitucional co obxectivo de garantir a prestación dun mínimo de servizos públicos comúns homoxéneos, e de realizar “un aproveitamento e unha administración máis eficaz dos recursos públicos”.

Tamén apela a garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución e a transferir á Xunta da Galiza aquelas competencias que lle son impropias ao ente provincial para o cumprimento dos seus fins, entre outras cuestións.

Comentarios