Pontón: "Estou na recta final do proceso de reflexión, que foi positivo e frutífero”

O Consello Nacional aprobará este sábado unha lista para a asemblea do BNG na que Pontón perfílase como cabeza da mesma.

19-07-2021 Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón (Foto. Arxina)

O Consello Nacional aprobará este sábado unha candidatura completa para renovar o máximo órgano de decisión entre asembleas do BNG, que o próximo 7 de novembro realiza a súa XVII Asemblea Nacional na que se elixen os órganos de decisión e aprobarase un documento político co que a formación nacionalista proponse alcanzar a Xunta en 2024.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confirmou a preguntas dos medios, que o Consello aprobará esta candidatura que, todo apunta, será ela quen a encabece -aínda que isto será anunciado en próximos día-- xunto cun equipo que, segundo manifestou, estará pensado para "gobernar" a Xunta.

A líder nacionalista anunciou en agosto que iniciaba un período de reflexión persoal e colectiva sobre o seu futuro na formación frontista que, de forma explícita nos seus documentos políticos, marcouse o propósito político de alcanzar San Caetano en 2024.

"Evidentemente, estou na recta final do proceso de reflexión, que foi positivo e frutífero, no que recibín opinións e valoracións que agradezo moito. De militantes, de dirixentes da organización e doutras persoas que sen formar parte da organización, queren en 2024 un rumbo novo para este país e deixar atrás un goberno que está a facer cada vez unha Galiza máis pequena", remarcou.

"O que queremos é liderar a Xunta"

Pontón remitiuse a que o vindeiro sábado hai un Consello Nacional que, entre outras cuestións, avanzou, "aprobará unha candidatura, que vai representar as mellores cabezas e mans para sacar adiante" unha tarefa de "grande envergadura", que é disputar "a hexemonía política" do PP.

"Agora estamos a liderar a oposición, o que queremos é liderar a Xunta. Por tanto, estamos na recta final", apuntou Pontón quen, sen confirmar o sentido da súa decisión, dá a entender que dedica estes últimos días dos prazos asemblearios -e da súa reflexió-- a ultimar unha candidatura ao Consello Nacional que ela mesma liderará.

A dirixente do Bloque lembrou que calquera grupo de 15 militantes pode presentar unha candidatura ao Consello e remitiu aos próximos días, sen aclarar se esgotará os tempos do sábado, para coñecer a foto desa candidatura completa para renovar a dirección da formación nacionalista.

Comentarios