O BNG realizará a súa 17 Asemblea Nacional na Coruña co “reto histórico” de presidir Galiza

"Hoxe lideramos a oposición, en 2024 queremos liderar Galiza”, proclamou Ana Pontón no Consello Nacional do BNG que este sábado aprobou as teses que debaterá a militancia de cara á Asemblea Nacional do próximo 7 de novembro na Coruña.
Ana Pontón (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

O Consello Nacional do BNG abordou este sábado 25 de setembro a convocatoria da 17 Asemblea Nacional da formación, que decorrerá, segundo acorodou, o próximo 7 de novembro na Coruña. O obxectivo téñeno claro: ampliar a súa "base social" para converterse en forza política "hexemónica" e gobernar a Xunta da Galiza en 2024.

Así o avanzou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, durante unha intervención ante o máximo órgano de dirección da formación entre asembleas. Con todo, aínda non desvelou as conclusións sobre ese período de "reflexión persoal" que abriu a finais de agosto sobre se volver presentarse ou non ao liderado do BNG.

Iso si, Pontón lembrou que a situación do Bloque é "moi diferente" á de 2017, cando se levou a cabo a anterior Asemblea Nacional, debido a que agora é segunda forza política na Galiza co máximo histórico de 19 escanos no Parlamento.

"Hoxe lideramos a oposición. En 2024 queremos liderar Galiza", proclamou a nacionalista.

Na reunión deste sábado 25 de setembro do Consello Nacional ficaron aprobados os textos do regulamento e das teses políticas e de organización que serán agora debatidas pola militancia en todas as comarcas. Unha cita asemblearia en que o BNG busca rematar un ciclo político e abrir un novo, marcado polo reto histórico de liderar o Goberno da Galiza disputando a hexemonía ao PP.

“Nada disto sería posíbel sen o traballo intenso da organización, da militancia e simpatizantes e dunha liña política que conseguiu conectar con miles de galegas e galegos. Sen renunciar a ningún dos nosos principios conseguimos situarnos como alternativa ao PP”, salientou Ana Pontón na súa intervención.

Nesta situación, pediu non caer “no conformismo ou na rutina” e redobrar esforzos para afrontar os retos que ten o Bloque: fortalecer a organización e ampliar a base social; -“porque sen esa fortaleza calquera avance terá pés de barro”-; gañar apoio electoral nas eleccións municipais e no Congreso e “prepararse para presidir a Xunta”, proclamou.

“Por primeira vez na historia, o BNG ten a posibilidade real de encabezar o Goberno e iso require que sexamos capaces de estar á altura do que a sociedade espera de nós. Hoxe lideramos a oposición, en 2024 temos que liderar Galiza, ese é o gran reto que temos diante para dar un futuro de esperanza aos galegos e as galegas”, afirmou.

Porque tras doce anos de Gobernos “en contra” da Galiza, alegou, urxe un Goberno “a favor, que só será posíbel baixo o liderado do BNG e non de forzas estatais supeditadas a Madrid e aos intereses dos seus poderes económicos”.

“Aí temos o exemplo de ENCE, o exemplo das eléctricas e a factura da luz ou a AP-9”, alegou, despois de que a Comisión Europea declarase ilegal as ampliacións da concesión do viario. “Bruxelas dá a razón ao BNG”, dixo Pontón, “cando denunciaba a estafa das ampliacións que obrigan a pagar por unha AP-9 que estaría libre de peaxes desde 2012 sen as ampliacións, a última até 2048 asinada por Aznar, artífice tamén da privatización e con Feixoo de conselleiro de Política Territorial”.

“Por iso teño unha pregunta para o señor Feixoo: E agora que? Quen compensa as galegas e galegos polas peaxes pagadas baixo concesións ilegais? Que vai facer como presidente da Xunta para compensar as galegas e galegos que levan pagado 1.091 millóns de euros de peaxes ilegais facturadas por AUDASA desde 2013 até hoxe?”, interpelou.

A nacionalista recriminou que PP e PSOE convertan esta nova estafa, “agasallo de ambos”, nun novo “pim-pam-pum” con Galiza para tapar a súa responsabilidade. “A Comisión Europea marca o camiño que debe seguir o Estado: suprimir a concesión e deixar a AP-9 libre de peaxes como se fixo noutras vías coetáneas, de non ser así estariamos ante unha discriminación”.

Neste contexto, urxiu un cambio en “chave galega” que pasa por “disputar a hexemonía a un PP que deixa unha Galiza cada vez máis pequena, con menos oportunidades”, tres anos por diante, subliñou, “para avanzar nun BNG cada vez máis amplo, sumando todas as persoas que queren esa outra Galiza posíbel, máis igual, máis xusta, máis democrática, máis feminista, en que poder vivir e traballar”.

Período de reflexión persoal

“Construír un futuro mellor só ten un camiño: ampliar a base social do BNG para liderar a Presidencia do País”, proclamou Pontón, un reto de tal envergadura que motivou que abrira un período de reflexión persoal, explicou. “Creo que o responsábel é valorar todas as opcións para acertar e, en función do que valore como mellor para Galiza e para o BNG tomarei as decisións”, explicou ante o Consello Nacional.

Nese reto, a líder nacionalista aposta por multiplicar o traballo social en conexión co traballo institucional, e ser “a caixa de resonancia” dos grandes temas socias, como a factura da luz, a sanidade pública, o coidado dos maiores, a perda de servizos no rural, ou pór a riqueza a favor das familias, da clase traballadora e das empresas.

“Seguiremos a ser a voz da cidadanía indignada coa estafa da luz, en defensa da sanidade pública fronte aos recortes do PP, a voz a favor dun novo modelo de residencias, a que defenda que a riqueza do país debe usarse a favor das familias, da clase traballadora e das empresas, en defensa do medio ambiente e dunha Galiza verde, e a voz que coloque Galiza na axenda política do Estado, fronte á submisión das forza estatais”, enumerou.

Ao que sumou o papel do Bloque como “muro de contención” contra os discursos do odio e da intolerancia e a favor dos dereitos das persoas e dos pobos. “Con esta maneira de facer política cada vez máis cidadanía verá no BNG o seu referente e a mellor ferramenta para ganar un futuro mellor”, concluíu.

Comentarios