domingo 19/09/21

Confederación Hidrográfica e oposición acusan Feixoo de non actuar ante o baleirado dos encoros

Agrávase a situación da reserva hídrica da Galiza pese ás choivas.
Un bañista no minguado encoro de Belesar, o pasado 22 de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un bañista no minguado encoro de Belesar, o pasado 22 de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A reserva hídrica da Galiza reduciuse lixeiramente en 1,7%, chegando a 47,9% da capacidade dos encoros na última semana. E todo a pesar das choivas rexistradas. Segundo os datos difundidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, as presas galegas almacenan 1.779 hectómetros cúbicos dos 3.030 que poden albergar.

En concreto, a conca Miño-Sil (dependente do Estado) conta con 1.373 hectómetros cúbicos e atópase a 45,3% da súa capacidade. Mentres, os encoros da demarcación Galiza Costa (dependente da Xunta) sitúanse en 59,4% e almacenan 406 hectómetros cúbicos de auga.

Expediente da Xunta

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asegurou esta terza feira, 7 de setembro, que a entidade non recibiu notificación oficial do expediente sancionador aberto pola Consellaría de Medio Ambiente contra as concesionarias e a propia CHMS en relación co baleirado de encoros hidroeléctricos desta conca.

Lamentou ademais que o Executivo galego actuara "tarde, mal e a rastro" no relativo ao baleirado de encoros. Respecto diso, sinalou que a apertura dos dous expedientes sancionadores por parte de Medio Ambiente demostran que a Xunta si ten as competencias e as ferramentas para actuar ante o desembalse.

Por iso, lamentou que o Goberno galego estivera "queixándose" e "perdendo un tempo precioso no canto de actuar". Ademais, Quiroga asegurou que a Confederación seguiu este verán o mesmo protocolo que en ocasións anteriores.

Foi na segunda feira cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou do expediente aberto á Confederación e ás dúas compañías eléctricas. "Foi un baleirado incorrecto que non cumpre coa lexislación no ámbito fluvial dos ríos da Galiza", apuntou. Afirmou ademais que "gostaría" de que a Conca Miño-Sil dependese da Xunta. Isto ampliouno o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, que asegurou que o expediente foi aberto porque "non se cumpriu a normativa", xa que a lexislación estabelece que non só "ten que haber unha comunicación" dos baleirados, senón que tamén debe haber unha "autorización" por parte das autoridades galegas.

Precisamente, no pleno do Parlamento galego do próximo 14 e 15 de setembro o BNG levará unha pregunta sobre o baleirado. Para a deputada nacionalista Olalla Rodil, Feixoo tira de "cinismo" cando asegura que a Xunta non ten competencias e que de telas actuaría con máis contundencia. Ao fío, recordou que Feixoo "leva 12 anos na Xunta e cero transferencias. Non é que non teña competencias, é que non as quere, como amosa cada vez  que o BNG propón reclamar as competencias das cuncas hidrográficas".

A Xunta “sabía que Iberdrola ía baleirar A Cenza e As Portas e non fixo nada”, denunciou Rodil. Tanto a nacionalista como o viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, acusaron Feixoo de mentir ao asegurar que non sabía que se ía producir o baleirado, pese a que Iberdrola avisou a Xunta en xuño e xullo, con dous correos electrónicos, da súa intención de baleirar esas presas.

Arangüena tamén informou de que o PSdeG preguntará no Parlamento por que a Xunta non actuou cando é quen ten as competencias ambientais. Lembrou que o Goberno galego pode e debe actuar nestes casos “non só pola lexislación de pesca fluvial, senón tamén pola lexislación medioambiental”, e en concreto pola Lei de Protección Ambiental da Galiza.

comentarios