Compromiso tamén pide unha candidatura unitaria

O terceiro Congreso Nacional de Compromiso por Galicia (CxG) celebrouse este sábado en Compostela e acordou a continuidade de Juan Carlos Piñeiro como secretario nacional nun consello composto por corenta persoas. CxG, igual que En Marea, tamén piden unha candidatura "unitaria" cara ao 10N "das forzas con centro de decisión na Galiza". 

 

[Imaxe: CxG] Piñeiro, cuarto pola esquerda, no remate do congreso deste sábado.
photo_camera [Imaxe: CxG] Piñeiro, cuarto pola esquerda, no remate do congreso deste sábado.

"CxG propón ás forzas políticas galegas, con centro de decisión na Galiza o inicio urxente de conversas para a conformación de unha candidatura unitaria ás eleccións xerais do 10N", di a primeira das resolucións acordadas nun congreso no que CxG defínese como "un partido galeguista, progresista e europeísta" e anuncian que solicitarán a súa inclusión no Partido Demócrata Europeo, EDP/PDE, do que forman parte, entre outros, o PNV, Coalición Canaria e o portugués Partido Republicano Demócrata (PDR), fundado no 2014 e que nas lexislativas lusas do ano seguinte obtivo o 1,13% dos votos.

Segundo informa nun comunicado emitido este domingo, Compromiso por Galicia pedirá á Xunta "que explore o diálogo bilateral con Escocia e respaldo en Europa á independencia escocesa", así como que convoque, xunto coa administración estatal e os concellos afectados, "unha mesa dialogo con axentes sociais e empresas" para unha solución para as electrointensivas.

No plano organizativo, a Comisión Executiva Nacional fica composta por Xoán Manuel Vázquez (Oza-Cesuras), José Luís Calo (Ames), Andrés Núñez (Pontevedra), Daniel Lago (Vigo), Óscar Casais (Ribeira), Xavier Vázquez García (Monterroso), Xosé Luís Rubal (Foz), Amparo Fernández Reboredo (Lalín), Paula Rey (Carballo), Estela Rodríguez Mosquera (Vigo), Montse Almozara (Santa Comba), Pilar Barreira (Coles), Milagros Corral (Amoeiro) e Eva Rosende (Teo); con Juan Carlos Piñeiro como secretario nacional. "Repiten 6 dos membros e 8 son novos na tarefa de dirección e desaparece a figura honorífica de Presidente do Partido", informa CxG, que nas eleccións do pasado abril sumou 2.760 votos, o 0,17% dos sufraxios a candidaturas.

Comentarios