Combater a suba da luz, lograr a transferencia da AP-9 e retomar a investigación de Angrois centrarán o traballo de Rego

Néstor Rego avanzou os eixos do traballo do BNG no Congreso: “Seguiremos a defender os intereses das galegas e galegos”. 
O deputado do BNG Nésto Rego en rolda de prensa na sede nacional do BNG (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG Nésto Rego en rolda de prensa na sede nacional do Bloque (Foto: Nós Diario)

Retomar a comisión de investigación do accidente do Alvia acontecido en Santiago en 2013, o traspaso da titularidade da AP-9 do Estado á Galiza e accións contra a suba do prezo da luz centrarán o traballo do BNG no Congreso na próxima semana.

Así o destacou esta sexta feira, 17 de setembro, o deputado do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, que lembrou que na vindeira quinta feira o pleno debaterá a solicitude impulsada polo BNG para que se reabra a comisión de investigación polo accidente de Angrois.

Após lembrar que na xunta de portavoces da pasada semana todos os grupos, excepto o PP, estiveron a favor de reabrir o órgano paralizado coa fin da lexislatura pasada, Rego asegurou que é "imprescindíbel" que o Congreso retome os traballos suspendidos para, contando con toda a información, "aprobar unhas conclusións que permitan aclarar o ocorrido e depurar responsabilidades" polo accidente.

Destacou que o Bloque leva traballando desde 2013 en todas as institucións para conseguir este obxectivo e que o seguirán facendo para depurar as responsabilidades políticas, como o papel dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP).

Traspaso da Ap-9

Rego avanzou que na vindeira terza constituirase a ponencia para a tramitación do Proxecto de lei de Transferencia da AP-9 no Congreso tras o acordo unánime da Cámara galega. Explicou que o Bloque non presentou emendas ao texto ao se tratar dun consenso das forzas políticas no Parlamento galego, polo que criticou que o PP e o PSOE si as presentasen. Así, censurou que o PSOE pretenda mudar de forma substancial o texto referíndose só á transferencia da xestión da AP-9. "Isto cambia totalmente o acordo parlamentario e incumpre o acordo de investidura", sostivo para indicar que a emenda é unha "desautorización" ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, xa que este foi ao Congreso a defender o acordo do Parlamento galego.

Sostivo que o PP presentou emendas que van a un grao de concreción "excesivo e improcedente" posto que, despois de aprobarse esta lei, as condicións concretas deben ser estabelecidas a través da Comisión Mixta entre Goberno estatal e galego.

Neste sentido, Rego adiantou que o BNG se implicará para que nos Orzamentos Xerais do Estado o Goberno español estabeleza partidas específicas para garantir maiores descontos na autopista do Atlántico e abaratar as portaxes a todas as galegas e galegos. “Algo que se torna máis necesario despois de que Galiza se convertese no territorio con máis quilómetros con portaxes de todo o Estado español despois da liberación de 618 quilómetros noutros territorios do Estado a finais de agosto” reivindicou.

Desconecta as eléctricas!

Por último, Rego chamou á mobilización social este domingo 19 de setembro nas manifestacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG) pola suba continua do prezo da luz. Neste sentido, tamén anunciaou unha campaña conxunta co resto de forzas soberanistas –ERC, EH Bildu, Junts, CUP, Més per Mallorca e Més per Menorca- co obxectivo de plantar cara aos abusos das eléctricas e a súa chantaxe. Chamou a participar do apagón masivo e cazolada convocado para 8 de outubro, das 22 ás 22.30h.

As formacións soberanistas reclaman mecanismos que permitan que as nacións “teñamos capacidade para xestionar todo o sistema eléctrico. Regular a xeración, a distribución e a comercialización da enerxía eléctrica”. Apuntou a necesidade de ter “soberanía enerxética” algo que “para Galiza é fundamental” na medida en que “somos un país produtor de enerxía mais nunca nos beneficiamos diso”.

Reivindicou, máis unha vez, a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, unha tarifa propia como acontece noutros países, que compense os custos sociais, ambientais da Galiza como país produtor excedentario de enerxía eléctrica. A produción de enerxía, dixo, "debe estar ao servizo do desenvolvemento económico do país". 

Comentarios