CIS de setembro: o PSOE volve ficar en cabeza e o BNG mellora o resultado do 23-X

Os socialistas avantaxarían o PP por case dous puntos.
Estimación de voto polo CIS.
photo_camera Estimación de voto polo CIS.

O Barómetro de Opinión realizado este mes de setembro polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), a súa primeira enquisa tras as eleccións estatais do pasado 23 de xullo, volve situar o PSOE á cabeza cunha estimación de voto de 33,5% e case dous puntos de vantaxe sobre o PP, que rexistra 31,7%. Nas urnas os 'populares' avantaxaron en 1,3 puntos aos socialistas.

A terceira praza é para Sumar, con 11,9% e caendo a respecto da enquisa preelectoral e o resultado electoral, mentres a extrema dereita de Vox fica en cuarta posición moi perto da formación de Yolanda Díaz, con 11,1%, case en empate técnico.

Segundo os datos do CIS, o BNG obtería 0,7% nos comicios estatais de convocárense hoxe. Sería un incremento dunha décima a respecto do resultado do pasado 23 de xullo, cando a formación nacionalista logrou 0,62% dos sufraxios totais a nivel estatal.

A enquisa baséase en 10.104 entrevistas telefónicas realizadas nos primeiros 12 días de setembro a cidadáns e cidadás de 2.058 municipios de 50 circunscricións. O estudo segue a liña dos traballos anteriores do CIS, aínda que discrepa do resultado das eleccións do 23 de xullo. Así, o PSOE aparece á cabeza cunha estimación de voto de 33,5%, arredor de dous puntos por riba do prognóstico do barómetro de xullo e da enquisa preelectoral, pero nas xerais quedou segundo con 31,7%.

E o PP, que gañou as eleccións do 23-X con 33% dos votos, figura agora segundo na enquisa de setembro do CIS con 31,7%, aínda que mellora os seus datos das sondaxes de xullo (29,6%) e o preelectoral (31,4%). Ademais, o PSOE destácase como partido con máis electores comprometidos, pois 26,6% ten xa decidido apoiar aos socialistas se mañá houbese novas eleccións, fronte a un 22,8% que anuncia o seu respaldo ao PP.

Pola súa parte, Sumar e Vox seguen pugnando pola terceira praza na enquisa de setembro, con 11,9% para os de Yolanda Díaz e 11,1% para os de Santiago Abascal. Nas estatais Vox quedou terceiro con 12,39% fronte ao 12,31% da coalición plurinacional de esquerdas, pero un mes antes o CIS outorgaba a Sumar a medalla de bronce con folgura —15,5% en xullo e 16,4% na enquisa preelectoral—.

Así as cousas, Junts recortou a vantaxe que lle viña sacando ERC, tamén nas estatais, e agora ambas as formacións empatan a 1,7%, mentres en Euskadi EH Bildu segue por diante do PNV —1,3% fronte ao 0,9% dos nacionalistas—, na mesma orde que saíu das urnas o 23-X.

Nesta ocasión o CIS non inclúe a súa habitual táboa de valoración de líderes, xa que o estudo queda fusionado co poselectoral e o cuestionario xa era suficientemente longo, pero en todo caso mantén a pregunta sobre o político preferido para presidir o Goberno español e, de novo, aparece na cabeza o socialista Pedro Sánchez con 29,7%, fronte ao 20,7% de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios