Crise en Ourense

Caride opina que as teorías de Jácome sobre a ruptura do Goberno son un "conto chino"

Miguel Caride nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
O ex concelleiro de Infraestruturas, que denunciou supostas irregularidades na financiación de Democracia Ourensá e perdeu "a confianza" do alcalde, sostén que o rexedor non negou as acusacións na súa comparecencia de hoxe. Así mesmo pensa que debe dimitir ou "hai que botalo".

Miguel Caride, o que até onte era concelleiro de Infraestruturas en Ourense e un dos críticos coa xestión económica de Gonzalo Pérez Jácome en Democracia Ourensá (DO), respondeu ás acusacións do alcalde nas que o acusa de ter sido "comprado" polo PP.

Para o edil, ao que o rexedor retirou as competencias por "falta de confianza", pensa que a teoría que explicou hoxe este último é un "conto chino" de alguén ao que cualifica de "personaxe deleznable".

O que era a man dereita de Jácome hai non moito tempo analizou o discurso comentando que "non desmentiu nada, senón que até en tres momentos recoñeceu que o diñeiro que recibe DO desvíao á súa televisión privada (Auria TV)", na mesma rcomparecencia na que acusou ao PP de terlle preparado "un golpe de estado" e de "comprar" ao propio Caride.

Intentar a súa renuncia

"O que temos que facer é tratar de botalo", insistiu o que tamén era voceiro do grupo municipal de Democracia Ourensá a semana pasada.

De feito, ao falar das presuntas ilegalidades na xestión do diñeiro do partido, incidiu en que tamén agarda a que o alcalde se adiante e dimita do cargo.

Caride insistiu debe ofrecer explicacións sobre "se hai ou non desviación de fondos públicos á súa empresa privada" e sobre "cal é a situación cos asesores" -após ser acusado de reclamarlle parte do salario a estes para financiar DO- porque o declarado esta mañá foi "historia que parece 'As crónicas de Narnia' dentro do seu mundo onírico, non crible".

"O tema é moi serio, isto non é ningún xogo de tronos, e eses discursos infantís, de barra de bar e de contos chineses supoño que haberá xente que os comprará, porque sempre a hai", lamentou.

A ameaza á Deputación

Respecto da ameaza do rexedor ao Partido Popular sobre a posíbel votación en contra dos orzamentos na Deputación, o representante dos edís de DO críticos foi moi claro.

"O PP dixo que suspendía temporalmente o pacto mentres Jácome non aclarase o que ten que aclarar, como el non quere aclarar nin deixar o posto, quere dinamitar o pacto empezando pola Deputacion", abundou.

En medio deste cruce de acusacións, pensan que Jácome debe abandonar a Alcaldía, pois conta únicamente co apoio do concelleiro Armando Ojea logo da ruptura co PP e con cinco dos seus seis compañeiros.

"Nós o que non imos facer é irnos xa para que o noso posto sexa cuberto por outras persoas afíns a el e que no canto de ser dúas sexan sete en minoría, con xente que se siga encartando ás veleidades e ás excentricidades dun alcalde que ademais non é transparente", destacou Caride.