Carme Adán asegura que Nós vai estar “moi por riba de todo o que din as enquisas”

A número 1 por Pontevedra de Candidatura Galega pide redobrar esforzos na última semana de campaña perante “unha nova oportunidade para que Galiza estea no Congreso”.

nos bueu
photo_camera (Imaxe: Nós)


A cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega por Pontevedra, Carme Adán, asegura que a formación vai estar “moi por riba de todo o que din as enquisas”. Adán destacou que “nós non lle temos medo a ningunha enquisa” e apelou a redobrar esforzos na última semana de campaña.

“Temos que poñernos as pilas e falar coa xente para trasladarlle o que nos xogamos o 20D. Temos que mirar ao fronte porque queremos unha nova oportunidade para que Galiza estea no Congreso”, afirmou durante un mitin en Bueu.

“O nacionalismo levou historicamente os problemasde Galiza ao Congreso”, salientou Adán

Adán salientou a traxectoria do nacionalismo galego e do BNG -como forza integrada na candidatura- durante as últimas dúas décadas no hemiciclo en Madrid. “Foi o que levou historicamente os problemas do mar de Bueu e de Galiza ao Congreso, non as forzas estatais que están a outras cousas”, salientou a número 1 de Nós, que animou a “mirar os programas electorais doutras forzas políticas” onde dixo que non aparece Galiza nin “compromisos reais co noso país”.

Reivindicou que o BNG leva “moitos anos facendo nova política alí onde goberna”, e puxo como exemplo o concello de Bueu. “Vichedes a forzas estatais defender coa mesma vehemencia a nosa pesca que a oliva en territorios distintos do Estado?”, preguntou Adán. No acto participaron tamén a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e os candidatos de Nós Valentín Bóveda e Xosé Collazo.

“Non precisamos de mendigar, en parte polo orgullo de sermos galegos, e tamén por todo o que temos”, sinalou o neto de Alexandre Bóveda, que agradeceu o traballo feito polos nacionalistas para “a recuperación da xustiza”.

Comentarios