Caballero reivindica "o galeguismo verde" fronte ao "ecopostureo" e propón un pacto para "renatularizar" Galiza

O líder socialista defendeu nun acto en Compostela as iniciativas ambientais do Goberno español e propuxo apostar polo bosque autóctono.

Caballero (PSdeG) propón en Compostela un pacto galego verde para renatularizar Galiza (Europa Press)
photo_camera Caballero (PSdeG) propón en Compostela un pacto galego verde para renatularizar Galiza (Europa Press)

O PSdeG reivindicou este sábado o "galeguismo verde" dos socialistas, co exemplo da xestión do Goberno español, fronte ao " ecopostureo" que atribuíu á Xunta e a "outras formacións" que defenden verbalmente a aposta ambiental pero despois "non" o reflicten cos seus votos diante o impulso de normas como a lei de cambio climático.

O seu lider, Gonzalo Caballero, remarcou nun acto en Compostela as iniciativas impulsadas polos socialistas e comprometeuse a tratar de impulsar "un gran pacto galego verde" chamado a "renatularizar" Galiza, co foco especialmente posto nas cidades, e que incorpore non só aos partidos, senón "a todos os axentes económicos e sociais", e a todas as administracións.

Avanzou que, á marxe das iniciativas xa presentadas no Parlamento galego e outras institucións, nos vindeiros meses realizaranse actos e seminarios nos que se poderá ratificar "o compromiso verde" do PSdeG e evidenciar que, fronte ao "ecopostureo" do que acusou á Xunta, en relación á redución do orzamento reservado a medio ambiente, existe "unha alternativa ambiental" no plano político autonómico.

Durante a súa intervención defendeu a necesidade de protexer a biodiversidade galega e incidiu na necesidade de impulsar unha transición ecolóxica xusta. Sobre ese tema defendeu a xestión do Goberno que dirixe Pedro Sánchez fronte ao PPdeG, "delegado das empresas enerxéticas", que lidera Alberto Núñez Feixoo. "A ver se na Galiza somos capaces de afrontar un modelo equilibrado", apelou.

Aposta polo bosque autóctono

Segundo Caballero, o Goberno español "lidera" a axenda ambiental do país fronte a quen "se pon de perfil ou se opoñen" a apoiar leis como a de cambio climático. Entre as prioridades que puxo riba da mesa salientou a de "renatularizar as cidades".

Tamén considerou chave apostar pola protección do bosque autóctono, incidir na reciclaxe, defender a biodiversidade da fauna e flora, protexer os ríos, e impulsar modelos de xeración de enerxía alternativa sostibles fronte a un modelo económico do PP que "vai sen rumbo".

"E necesitamos acordar e pactar as bases do modelo eólico para que o desenvolvemento chegue aos concellos e non só enriqueza ás empresas", dixo, antes de defender a loita contra o cambio climático, así como protexer a paisaxe e coidar os parques naturais, en cuxa xestión outorgou "un suspenso" á Xunta.

Comentarios