Busqué e San Ramón presentan o seu proxecto diante de 60 militantes na asemblea galega de Podemos

O hotel Compostela da capital da Galiza acolleu nesta mañá a parte presencial da asemblea cidadá galega de Podemos. O encontro contou coa presenza de perto de 60 militantes chegados de todo o país, sendo aberto por videconferencia por Antón Gómez-Reino, que por razóns persoais non asistiu ao encontro.

O candidato de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).
photo_camera Antón Gómez-Reino non estivo presente na asemblea de Podemos (Nós Diario).

A participación na asemblea cidadá galega de Podemos estivo por debaixo do previsto. Segundo puido saber Nós Diario, o plenario xuntou a perto de 60 inscritos procedentes de toda Galiza, destacando entre os asistentes membros da candidatura e responsábeis institucionais e orgánicos da formación. Así é todo, a asistencia estivo moi por debaixo da anterior asemblea cidadá, onde se reuniron máis de 150 persoas.

A ausencia de Gómez-Reino

A xornada foi aberta polo secretario xeral saínte Antón Gómez-Reino. Gómez-Reino, que fai parte da candidatura Tecer Galicia, dirixiuse aos asistentes por videoconferencia para explicar o sentido do conclave. Poren, quen si estiveron presentes fisicamente foron Borja San Ramón e Gonzalo Busque, aspirantes á secretaría xeral da formación.   

San Ramón

Borja San Ramón e Gonzalo Busqué aproveitaron o encontro para explicar os obxectivos das súas candidaturas. Así, o primeiro sinalou que “o  obxectivo de Tecer Podemos é aumentar os concellos de esquerda neste país. Conseguir candidaturas no máximo número de cidades e pobos deste país e que iso nos sirva de acicate para preparar un proxecto que nos sirva para volver á Xunta e ao Parlamento da Galiza”

San Ramón amosouse convencido que sen a súa presenza na Cámara galega "non vai haber cambio político neste país" e por iso defendeu que a asemblea de “é un día para abrir un novo tempo e para que Podemos Galicia volva onde ten que estar".

Busqué

Gonzalo Busqué defendeu a súa proposta representa como o "cambio necesario" para Podemos Galicia. Neste sentido, aseverou que "fai falta cambiar un futuro que se parece moito á escuridade. Temos que levar un camiño de esperanza e contar coa xente que deu vida a Podemos. Teñen que prevalecer as ideas sobre os intereses persoais".

Busqué cualificou “o momento de transcendental” por iso apostou  por “unha renovación”, "non de caras, senón de ideas". Neste camiño, o candidato de Rexurdir Galicia amosou a súa disposición por integrar a persoas da lista de San Ramón na próxima dirección de Podemos, no caso de resultar elixido secretario xeral.

Os relatorios a debate

A asemblea cidadá galega de Podemos serviu para debater os relatorios políticos, organizativos e feministas presentados polas candidaturas de Borja San Ramón e Gonzalo Busque. Os mesmos partillan unha análise crítica dos últimos anos da formación na Galiza, particularmente após a perda da representación parlamentaria en 2020, porén discrepan á hora de analizar as causas do acontecido.

Tecer Galicia, a candidatura liderada por San Ramón e da que fai parte Gómez-Reino, culpa dos resultados electorais de 2020 a que “os desencontros públicos foron unha constante no caso de En Marea”, provocando a “perda de confianza da cidadanía que se reflectiu ao non acadar representación no Parlamento da Galiza”. Asemade, cuestiona as relacións cos seus parceiros nas confluencias, “moitos foron fraguadas no último momento, reducíndose a acordos electorais” e  “careceron de continuidade institucional e militante”.

Rexurdir Galicia, a proposta nucleada ao redor de Busqué, entende que por “diversas vicisitudes, ligadas fundamentalmente a loitas de poder ou a intereses de carácter persoal, non se puido visualizar unha ferramenta real de empoderamento cidadán na Galiza que faga honra ao seu ideario e que sexa unha resposta ás necesidades da xente, dando como consecuencia de todo iso a desaparición do Parlamento da Galiza ou da práctica totalidade dos concellos da nosa nación”.

Comentarios