Bugallo cre que Sánchez busca aforrar "meses de confrontación política" e "desgaste social" adiantando eleccións

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde en funcións de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
"A Pedro Sánchez gústalle sorprender a propios e a estraños e este é un caso no que decidiu facelo", afirmou o alcalde en funcións de Compostela.

O alcalde en funcións de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse esta segunda feira sorprendido pola decisión de Pedro Sánchez de adiantar a convocatoria de eleccións xerais, aínda que interpretou que se debe á intención de aforrar "meses de confrontación política".

A preguntas dos medios, Sánchez Bugallo admitiu que "non contaba con ese adianto electoral", xa que consideraba que as eleccións poderían mesmo atrasarse a decembro, pero lembrou que "a Pedro Sánchez gústalle sorprender a propios e a estraños e este é un caso no que decidiu facelo".

"Pensabamos que o faría ao finalizar a presidencia europea e ninguén pensaba que o faría ao comezo da presidencia europea", expresou o alcalde en funcións da capital galega.

Para Bugallo, é posíbel que esta decisión do presidente do Goberno español se deba ás eleccións municipais, logo das cales se abriría "unha nova etapa de confrontación política, de desgaste político" e de "desgaste social" de no Estado español en espera das xerais.

Con esta decisión, dixo o rexedor en funcións, Sánchez "aforra ese período" de confrontación que, asegurou, que se volveu "intolerábel" nos "últimos meses", para que "decidan o que os cidadáns consideren oportuno".

Renuncia ao PSdeG

Na mesma rolda de prensa, Xosé Sánchez Bugallo presentou a primeira hora desta segunda feira a súa renuncia como secretario xeral dos socialistas composteláns, ao tempo que non confirmou que non asistirá ao pleno de constitución da nova corporación local. Non participará, tampouco, nas negociación do futuro Goberno, aínda confía en que sexa “progresista” e dá por feito que o liderará a nacionalista Goretti Sanmartín.