Bronco debate sobre sanidade no Parlamento: O BNG acusa o PP de ser "brazo armado do capital"

O pleno do Parlamento da Galiza arrancou na quinta feira cun duro debate por conta da situación sanitaria, en relación a unha moción defendida pola deputada nacionalista Montse Prado, quen tamén trouxo a colación o 20 aniversario da masiva mobilización promovida por Nunca Máis pola catástrofe do Prestige.

A deputada do BNG, Montserrat Prado.
photo_camera A deputada do BNG, Montserrat Prado.

Así, a deputada nacionalista tachou os populares de ser "o brazo armado do capital" coa sanidade e de querer substituír "a tarxeta sanitaria pola tarxeta bancaria", ao que a deputada Encarna Amigo, do PP, contestou con reproches por querer "alborotar" a poboación contra a Xunta e situarse detrás da "pancarta".

En concreto, Prado recriminou a situación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, “con centros de Atención Primaria sen médicos, co persoal baixo mínimos e en risco de fechamento por mor da reorganización anunciada pola Consellaría de Sanidade”.

"Negar" a realidade

Ademais criticou a política de "negación da realidade, onde só poñen escusas" da Consellaría, que ten como resultado "centros de saúde sen os profesionais precisos, aumento do risco pola desatención, PAC sen médicos e crianzas sen pediatras".

“Non teñen capacidade de solucionar nada, suben a esta tribuna a dicir que hai un problema e que o ten que solucionar Madrid", salientou Prado, quen sinalou que a política sanitaria do PP “está provocar o aumento do gasto na sanidade privada, nunha comunidade segunda pola cola en investimento en Atención Primaria, e a cuarta en investimento en persoal".

O BNG reclama un plan específico contra o "colapso"

Prado emprazou o PP a presentar un plan específico para solucionar a situación de "colapso" da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, das máis afectadas polos recortes; a garantir que os PAC presten unha atención completa con persoal facultativo, enfermeiro e celador; un plan inmediato para reter o talento formado na Galiza, con condicións laborais dignas e unha ampliación das especialidades como psicoloxía clínica, logopedia ou nutrición.

A parlamentaria do Bloque tamén esixiu ao Goberno do PP a posta en marcha dun rexistro específico de profesionais e de prazas que axude a identificar a situación e, tamén, a presentar un informe que contemple as xubilacións en enfermaría e medicina entre 2013 e 2022, o número de prazas cubertas nese período e prazas MIR convocadas e adxudicadas no mesmo.

O debate tivo lugar un día despois das mobilizacións de SOS Sanidade por toda a Galiza para reclamar melloras en Atención Primaria e en plena polémica após o diálogo aberto entre Xunta e médicos pola falta de facultativos e a eventual reorganización dos puntos de atención continuada (PAC).

A moción, cuxo apoio foi mostrado polo deputado socialista Julio Torrado, foi rexeitada cos votos do PP.

Comentarios