O BNG solicita ao Goberno estatal que "non sexa cómplice" de Altri: o ministro de Industria responde que "será escrupuloso"

Jordi Hereu afirmou que calquera proxecto "deberá cumprir o principio de non causar dano significativo ao ambiente". O BNG sinalou que esperaba unha resposta "máis contundente".
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou ao Executivo do Estado español que "non sexa cómplice do meteorito" que supón para a Galiza o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e pediu que "o descarte" para a percepción de axudas dos fondos europeos de descarbonización.

Durante a sesión de control desta terza feira na Cámara alta, Da Silva preguntou ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, sobre as previsións do Goberno estatal de incluír, ou non, o proxecto de Altri nas axudas de descarbonización industrial. 

Jordi Hereu respondeu que o Executivo estatal "será escrupuloso no cumprimento da normativa ambiental" e que calquera proxecto "deberá cumprir o principio de non causar dano significativo ao ambiente". O BNG sinalou que esperaba unha resposta "máis contundente".

Iniciativa de Podemos no Parlamento Europeo

En relación a esta cuestión, a eurodeputada de Podemos Idoia Villanueva rexistrou esta terza feira na Eurocámara unha pregunta dirixida á Comisión Europea na que alerta dos "riscos para a saúde" da fábrica que a multinacional lusa Altri proxecta na Ulloa.

Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego (SLG) presentou alegacións contra o proxecto da "macrocelulosa" da firma portuguesa, xa que, segundo afirmou o sindicato, o proxecto "destruiría miles" de empregos relacionados coa produción alimentaria.

Por outra parte, o pleno do Concello de Taboada (comarca de Chantada) aprobou esta terza feira unha moción do BNG na que expresa o seu rexeitamento á pasteira de Altri -cos votos a favor do BNG e do PSdeG e a abstención do PP-.

Taboada uniuse así no rexeitamento a Altri a outros Concellos como Láncara, Rianxo, Sarria, Melide, Vila de Cruces ou Arzúa. A Deputación de Lugo tamén estabeleceu o seu 'non' á pasteira, e prevese que así o faga o pleno de Agolada mañá, 11 de abril.

Comentarios