Alcoa desbota a alternativa da venda e teima nos despedimentos

Os representantes do persoal urxen ás administracións a colaborar entre elas para atopar solucións.

alcoa carlos castro 5
photo_camera (Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa non ve factíbel a venda da planta de San Cibrao e teima no despedimento de 534 traballadores e traballadoras do complexo da Mariña e o feche da planta de aluminio de San Cibrao. É o resumo da reunión da mesa multilateral que se realizou vía telemática e na que tomaron parte representantes da empresa, do persoal e dos Gobernos galego e español.

Logo da reunión telemática, o secretario xeral de Industria do Ministerio, Raúl Blanco, sinalou que se reclamou á dirección da compañía que aclare o seu plan industrial despois do anuncio de despedimento colectivo da planta de aluminio de San Cibrao.

"Non queremos unha morte por capítulos, queremos coñecer os plans de Alcoa, as administracións estamos dispostas a apoiar o mantemento da actividade", sinalou Blanco. "Pero se non teñen un plan industrial, e queren pechar en España, en Europa e en Estados Unidos para centrarse noutros proxectos, que deixen paso. Lugo, Galicia e España dinllo", avisou.

Nun comunicado, lembrou que Alcoa San Cibrao recibiu 693 millóns de euros desde 2011, mentres que desde 2009 non presentou ao Goberno estatal petición algunha de apoio para plans de investimento ou de innovación industrial.

Xunto a isto, Blanco defendeu o compromiso do Goberno tanto para o mantemento da produción de aluminio primario como coas industrias electrointensivas e hiperelectrointensivas.

Ao termo do encontro, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan (CC.OO.), censurou que "o problema" é que Alcoa "di que calquera marco que lles poñan non lle serve e tampouco entra a valorar unha posible venda". "Non quere saber nada de venda", lamenta.

Con todo, ve "positivo" que a Xunta e Goberno "están a apostar" polos traballadores. Sinala que a Administración galega apoia un acordo a longo prazo cun operador para a subministración de enerxía renovábel (PPA), mentres o Executivoestatal estará "a apoiar cun marco enerxético para que se poida chegar a esa PPA e dentro de dous ou tres anos ter unha viabilidade como planta".

"O Goberno e a Xunta seguen apoiando, e cremos que se teñen intención política de salvar esta fábrica pódeno levar a cabo", valora Zan. "A única saída que temos como fábrica e como traballadores é a saída da loita. A Mariña sálvase loitando", afirma o presidente do comité.

Aa CIG emitiu un comunicado no que se apunta que se reiterou a Alcoa a petición de que retire a súa proposta de despedimentos e peche da fábrica, á vez que demanda aos Goberno central e galego celeridade na aprobación de medidas para unha tarifa industrial competitiva.

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, lembrou que os sectores do aluminio e enerxético son estratéxicos para Galiza e que, de existir vontade, pódense atopar solucións para salvar tanto os empregos como para garantir as capacidades produtivas do complexo de San Cibrao. Carril demandou dos Gobernos español e galego "certezas e un calendario definitivo, preciso e detallado, do estatuto electrointensivo e das medidas complementarias que permitan crear un marco enerxético competitivo, estábel e predicíbel". E, nesta liña, "que se clarifique dunha vez que prezo final vai ter a enerxía".

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, lamentou que o Goberno "siga sen fixar un prezo eléctrico que garanta o mantemento do emprego en Alcoa San Cibrao".

Comentarios