Rego pide no Congreso ao Goberno “que se mova” en Alcoa e aborde a súa “nacionalización”

O deputado do BNG mostrou na súa intervención fotos das protestas do persoal da planta de San Cibrao: “Non son os ricos de Núñez de Balboa (Barrio de Salamanca) defendendo os seus privilexios, son traballadores do meu país loitando polos seus dereitos”.

Nestor Rego
photo_camera Néstor Rego no momento de ensinar as fotos (@NestorRego)

Alcoa e a preocupación en vilas costeiras galegas pola afluencia “masiva” de turistas foron os dous temas que centraron a breve intervención do deputado do BNG no Congreso no debate sobre a prórroga do estado de alarma.

Néstor Rego dirixiuse a Pedro Sánchez para manifestar que “a emerxencia sanitaria e o estado de alarma non poden ser pretexto para desatender os intereses da Galiza". Lamentou que malia “a gravidade da situación” do anuncio de máis de 500 despedimentos en Alcoa, o Goberno español “non se movese” e instouno a buscar solucións, poñendo sobre a mesa a alternativa “da nacionalización, se é preciso”.

O deputado referiuse ás “loas” de Pedro Sánchez á bandeira española para reivindicar “a do meu país, azul e branca, e para moitos tamén vermella: tricolor e republicana”. Rego ensinou entón fotos de protestas de traballadores de Alcoa para manifestar: ““Non son os ricos de Núñez de Balboa (Barrio de Salamanca) defendendo os seus privilexios, son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos. Agardo que o teñan en conta”.

Desconfinamento

O representante do BNG na Cámara española empezou a súa intervención lamentando, máis unha vez, que o Goberno español non autorice a libre mobilidade dentro da Galiza.

Neste punto, sinalou que hai “preocupación” nas vilas costeiras galegas pola “afluencia masiva” de turistas nestas datas, procedentes de outras zonas do Estado e que se encontran en fases onde non poderían saír dos seus territorios.

Lembroulle ao Goberno español que a decisión de "non fechar Madrid" repercutiu nunha extensión do coronavirus

Comentarios