O prezo de non exercer as competencias: "400 millóns sen executar en vivenda"

Sesión de control: BNG e PSdeG afean a política en vivenda da Xunta.
A oposición criticou a falta de políticas sociais en vivenda por parte do Goberno de Núñez Feixoo.
photo_camera A oposición criticou a falta de políticas sociais en vivenda por parte do Goberno de Núñez Feixoo.

O presidente da Xunta chega á sesión de control no Parlamento galego, e que ten lugar habitualmente cada dúas semanas, sabendo en termos xerais o que a oposición lle vai preguntar e coa lista de respostas e argumentos preparada. Onte non foi unha excepción e Alberto Núñez Feixoo acudiu á cita na Cámara sabendo que o BNG e PSdeG ían centrar as súas preguntas na súa xestión a respecto da vivenda e nas dificultades da mocidade galega para poder emanciparse.  Mais fronte aos datos e cifras que ían debullando os portavoces da oposición nas súas quendas de intervención, as respostas de Núñez Feixoo centráronse en acusalos de "mentir" e en se erixir como un defensor das competencias da Galiza fronte á "recentralización" que aseverou procura o Goberno español en materia de vivenda co seu proxecto de lei nesta materia. "É unha técnica recentralizadora dun Goberno chamado federal e que é o máis centralista", acusou.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, e o portavoz parlamentar do  PSdeG, Luis Álvarez, lembraron a Feixoo que as competencias en vivenda son da Xunta. E que é ela quen debe render responsabilidades polo feito e non feito nestes anos.

Falta de compromiso

"Entre 2010 e 2020 deixaron sen executar 400 millóns de euros en políticas de vivenda", afirmou Luis Álvarez dirixíndose a Núñez Feixoo. "É algo patético", remarcou.

Ana Pontón lembrou que o orzamento para Vivenda nas contas de 2022 é 46% do que se destinaba a esas políticas en 2009,  último exercicio do Goberno de PSdeG e BNG, noq ue os nacionalistas tiñan a Consellaría na materia", e acusou o PP de ter "sen executar" dous de cada tres euros.

Unha ausencia de execución que chega ademais, indicou, nun escenario no que a construción de vivendas protexidas é menos da metade de antes da chegada á Xunta de Feixoo,  hai 15.000 demandantes de vivenda protexida, hai un aumento constante dos prezos do alugueiro e hai máis de 300.000 vivendas abandonadas. "Ten competencias para non exercelas", dixo Pontón. "Non me estraña que nestes 12 anos non pedise ningunha competencia, cando as ten vese a súa incompetencia".

Álvarez resumiu que o balance da xestión da Xunta nesta materia “é un fracaso” plasmado na falla de execución dos últimos 2 anos, e que só no ano 2020 “deixaron sen executar 52 millóns de euros en materia de vivenda”.

Mocidade, "abandonada"

Falar de vivenda é, en grande medida, falar tamén da mocidade, por ser o colectivo con maiores dificultades de acceso a este ben. "85% dos mozos e mozas teñen dificultades na Galiza para se emancipar", denunciou a portavoz do BNG, que cualificou de "unicornio" a política da Xunta a respecto desta materia: "Non existe, é fantasía".

Luis Álvarez lembrou que a vivenda é un dereito" recollido na constitución — "constitución que a vostede lle gusta e a min tamén"—e lamentou que a Xunta "pouco faga" por garantilo.

Feixoo acusou a ambos os dous de "mentir"e ofrecer datos que non son "reais". E emprazounos a defender "o noso país".

A baza do ataque directo contra Ana Pontón

"Que vostede minta no Parlamento non é novo, leva facéndoo 18 anos", "ningún mozo foi quen de lograr acta de deputado con 26 anos e mantela outros 18, esa é a emancipación nacionalista", "cando leva tanto tempo en política e sen xestionar un euro público pasa isto, que se dedica a mentir". Estas foron tres das frases que Núñez Feixoo dedicou onte a Ana Pontón en apenas 10 minutos durante a sesión de control ao presidente. Foron ataques directos á portavoz nacionalista, centrados nos seus anos como membro electo do Parlamento, prolongando así na Cámara galega os ataques en redes sociais que o PP de Galiza dedicou nestes días, e co mesmo argumentario, que o exposto onte por Feixoo, contra Pontón.  "Vostede é o rei do insulto", reprochoulle a portavoz nacionalista ao presidente galego, que nin se inmutou. 

Comentarios