O BNG pide a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Sanidade

Tamén o alcalde de Ribeira de Piquín solicita unha xuntanza con García Comesaña para trasladar a denuncia de máis de 500 veciños e veciñas: no centro de saúde non hai persoal médico "en moitas ocasións".
A deputada Olalla Rodil será a encargada de defender a Lei no Parlamento galego (Foto: BNG).
photo_camera A deputada nacionalista Olalla Rodil, nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, avanzou na mañá desta cuarta feira que a súa formación rexistrará unha solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, por mor da "avalancha de problemas" nos centros de Atención Primaria de todo o país.

Deste modo, requíreselle "para que explique a situación na Primaria e a decisión que tomou a Xunta en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo, que acaban de converter en PAC de urxencia e non dan abasto".

"A Covid é unha prioridade, a pandemia é unha urxencia, mais non podemos deixar á marxe as outras enfermidades. Están a vulnerar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde do conxunto da poboación galega. Terán que dar a cara e ofrecer explicacións", reprochou.

Nesta liña, a deputada non dubidou de que isto é "consecuencia das políticas de recortes e desmantelamento da Atención Primaria que vén aplicando o PP nos últimos doce anos".

Outro aspecto que sitúa como "a pinga que colma o vaso" é que "se pretende pór un parche a esta situación contratando persoal médico xubilado". A ollos de Rodil, o Goberno galego actúa "como un polo sen cabeza".

"Logo de que marchasen centos de persoas formadas na Facultade de Medicina de Compostela, ou o persoal de enfermaría que tivo que marchar a outros países porque aquí ten contratos en precario, agora tentan facernos crer que falta persoal médico e hai que buscar os xubilados", incidiu a parlamentaria nacionalista.

O persoal sanitario, subliñou, está "exhausto" polo vivido durante a pandemia, "o resultado das políticas de desmantelamento da Primaria que aplicou o PP na última época".

Ribeira de Piquín

Tamén o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, urxiu un encontro con García Comesaña para que explique a "razón" pola que se atopan "en moitas ocasións" sen persoal médico no centro de saúde.

Neste municipio a veciñanza reuniu máis de 500 sinaturas para instar Sanidade a resolver este problema. "Máis de 50% da poboación é maior de 65 anos e temos unha dispersión importante, con case corenta núcleos", salientou o rexedor.

Comentarios