domingo 28/02/21

O BNG propón facer do pazo de Meirás un centro de recuperación da memoria histórica

O BNG propón converter o pazo de Meirás nun centro de recuperación da memoria histórica galega no que, como "lugar de represión", estea presente a "memoria das vítimas e da súa dignidade" e tamén reclama que o conxunto sexa transferido á Xunta, unha vez o Estado teña a posesión.
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
Pazo de Meirás (Foto: M.Dylan).

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e o deputado Luís Bará deron a coñecer hoxe o plan de usos, en vésperas da entrega da propiedade ao Estado español por parte da familia Franco –prevista para o día 10–, en cumprimento das últimas resolucións xudiciais.   

Na súa intervención, Olalla  Rodil volveu pór en valor a sentenza, que, "aínda sendo provisional", abre unha "oportunidade" para que o inmóbel sexa patrimonio público, e salientou o papel da "loita popular" para chegar até a sentenza. 

Luís Bará foi o encargado de debullar as liñas de actuación propostas polo BNG para o futuro do pazo, que pasan por unha xestión conxunta do inmóbel a través das tres administracións que xogaron un "papel fundamental" na súa recuperación –a Deputación da Coruña, ao Concello de Sada e á Xunta–, xunto cos colectivos sociais e voces expertas, reunidas nunha Mesa de Meirás.

Fin da apoloxía franquista

Para o BNG, as primeiras actuacións a desenvolver pasan pola retirada de todos os elementos de "exaltación e apoloxía" da ditadura e do ditador, co obxectivo de romper definitivamente coa concepción de Meirás como "parque temático e centro de peregrinacións franquistas" para proceder á apertura pública do conxunto.

"Non se trata só de abrir as portas do pazo senón de facelo coa articulación dun percorrido interpretativo e guiado que debe contemplar todos os seus usos", incidiu Bará.

 Desta maneira, o BNG cuestiona a proposta da Xunta de facer do pazo un "faro da igualdade" articulado arredor da figura de Pardo Bazán, que ve como "cortina de fume" para tentar "neutralizar e minimizar" os posíbeis usos do inmóbel vinculados á memoria histórica.

"É a mesma operación que a Xunta fixo para desmantelar a Illa da Memoria", criticou Bará, tras sinalar que este intento do Goberno de Feixoo de "branquear o franquismo" carece ademais de rigor, dado que xa existe a Casa Museo Pardo Bazán, sede da Real Academia Galega.

comentarios