Feixoo exixe Escrivá facilitar o retorno de emigrantes á Galiza

O presidente da Xunta reclama medidas que favorezan a integración persoal e familiar das persoas retornadas, así como facilidades no proceso de volta á Galiza.
Protesta de emigrantes retornados ás portas do Parlamento galego en 2019 (Arquivo)
photo_camera Protesta de emigrantes retornados ás portas do Parlamento galego en 2019 (Arquivo)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, enviou esta semana unha carta ao ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, para reclamarlle medidas que eliminen "atrancos" e favorezan a "integración persoal e familiar" das persoas emigrantes retornadas, así como o proceso para volver á Galiza.

Tal e como informa o Goberno galego nun comunicado, trátase dun acordo aprobado no Parlamento galego no seo do último Debate sobre o Estado da Nación, celebrado a mediados de outubro.

O acordo avogaba por erradicar circunstancias que "dificultan" o retorno das persoas emigrantes a través de plans estatais específicos de acceso á vivenda, a axilización do procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior, e a redución e axilización de trámites de concesións de permisos de residencia e traballo aos cónxuxes e descendentes que non teñan a nacionalidade.

Así mesmo, reclama a eliminación das "desigualdades" coas que a lexislación fiscal estatal grava aos emigrantes e aos retornados. Neste sentido, o acordo tamén recolle unha petición de "mellora" da información e os criterios de aplicación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Non en balde, tamén reclama a dotación dun financiamento "adecuado" ás comunidades autónomas para que poidan mellorar as medidas que teñan en marcha, co obxectivo de que complementen "o escaso labor" do Goberno de España neste ámbito, tal e como recolle o acordo do Parlamento.

Estratexia galega de retorno

A Xunta, afirma Feixoo no escrito, traballa de "xeito decidido" no regreso da colectividade do exterior desde 2018. Desde entón, facilitouse a volta de 22.000 galegos e galegas que viven noutros países coa aplicación de 64 medidas e un "importante" esforzo orzamentario, "o que permitiu que Galiza sexa un referente en atracción e consolidación do retorno", en palabras de Feixoo.

Ademais, o mandatario galego avanzou que o seu Executivo continuará traballando neste sentido cunha nova estratexia de retorno para os próximos catro anos. De feito, o presidente da Xunta ve nesta colectividade unha "oportunidade" para "superar o complexo reto demográfico", á parte da "inigualábel vantaxe competitiva" que supón a incorporación de persoas que "achegan toda a súa experiencia e formación" a empresas e universidades.

Con esta carta, o Feixoo insistiu en que a plena integración das familias retornadas depende tamén dun "compromiso real" por parte do Goberno estatal a través de políticas activas e a "eliminación de moitas das barreiras" que o "dificultan enormemente". "Se non existe un compromiso real para actuar sobre todas esas áreas por parte do Goberno de España, todo o esforzo da Galiza non será suficiente", advertiu.

Comentarios