Estas son as mobilizacións que convoca a CIG o 20 de abril contra a carestía da vida

A taxa interanual do IPC bateu todas as marcas dos últimos 37 anos en marzo e alcanzou 10,5% na Galiza, por riba da media estatal.
Pequeno supermercado na Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera A inflación alcanzou en marzo 10,5%, o rexistro máis alto dos últimos 37 anos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A CIG vén de convocar para esta cuarta feira, 20 de abril, unha serie de asembleas e concentracións de delegadas e delegados desta central sindical por todo o país contra a suba xeneralizada dos prezos, baixo o lema "Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos".

As concentracións decorrerán ás 12 horas na Coruña (Delegación do Goberno estatal), Ferrol (edificio da Xunta), Compostela (praza da Galiza), Ribeira (praza do Concello), Vigo (rúa Vázquez Varela, até a Xunta), Pontevedra (Subdelegación do Goberno) e Vilagarcía (oficina do INEM); ás 11 horas en Ourense (Subdelegación do Goberno) e ás 12.30 horas en Lugo (Subdelegación).

"Ante a crítica situación económica e social provocada pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína, a central sindical demanda, con estas mobilizacións que se insiren na campaña contra a carestía da vida, que se poñan en marcha toda unha serie de medidas urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares", salientan desde a CIG.

Estas propostas, subliñan, "requiren dunha decidida intervención pública" e deben incidir en "varios ámbitos" para "poder garantir unhas condicións de vida dignas".

Fronte a isto, entende que a resposta á pobreza "non pode ser máis políticas neoliberais como as que contén o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra anunciado polo Goberno español, que busca, entre outros obxectivos,  a contención salarial, consolidando así os baixos soldos e a pobreza laboral".

Esta "ofensiva", destacan, "complétase co chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva onde, de novo, o diálogo social, UXT e CCOO, volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor moderación salarial imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios".

Comentarios