Atención Primaria: o BNG pide á Xunta que "rectifique"

Concentración en Vigo contra as restricións en 14 centros de saúde.
BNG vigo atención primaria
photo_camera Concentración contra os "recortes" en 14 centros. (Foto: Nós Diario)

O BNG reclamou esta sexta feira, cunha concentración en Vigo, unha "rectificación" do Goberno galego ante a "inaceptábel" decisión de restrinxir a asistencia en 14 unidades de Atención Primaria da área sanitaria viguesa, e advertiu de que "non se pode aceptar como normal o que non é normal".

Así o trasladou a deputada nacionalista Montse Prado que, canda outros deputados e varios alcaldes do BNG na comarca (as rexedoras e rexedores das Neves, Ponteareas, Tomiño e O Rosal), así como portavoces municipais, concentráronse ante a delegación territorial da Xunta na cidade.

Prado tachou de "inaceptábel" a medida de restrinxir a actividade de 14 centros  e advertiu que "non é normal que a veciñanza reciba unha asistencia sanitaria propia dunha época de guerra, onde os profesionais teñen que escoller a quen atenden e a quen non".

A parlamentar nacionalista denunciou que a decisión de Sanidade  tomouse "sen falar con ninguén, nin cos representantes dos traballadores"

Patoloxías

Após lembrar que "hai outras patoloxías, como as crónicas, que non poden esperar", a parlamentar nacionalista denunciou que a decisión de Sanidade  tomouse "sen falar con ninguén, nin cos representantes dos traballadores", e o único que provoca é que se derive a asistencia aos PAC ou aos servizos de Urxencias, "que tamén están ao límite".

Prado afirmou que o estado da Atención Primaria na Galiza e en Vigo é "resultado de 12 anos de recorte" e dunha estratexia do Goberno de Núñez Feixoo para "deteriorar a sanidade pública" e "engordar" o negocio da sanidade privada.

Máis críticas

A presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, criticou tamén nas súas redes sociais que o Goberno galego "unicamente empregou 515 millóns de euros, dos 735 do fondo  Covid que recibiu do Goberno do Estado", mentres a Atención Primaria está "desbordada". "Darán explicacións Feixoo e Rueda? 225 millóns sen usar? É un disparate!", cuestionou a dirixente socialista.

Na mesma liña se manifestou nestes días o Goberno municipal de Vigo, que en palabras do seu portavoz Carlos López Font, denunciou que a Xunta da Galiza non contratou a profesionais a pesar de recibir diñeiro para iso por parte do Goberno do Estado español.

Comentarios