BNG pide a demisión de Ana Pastor como ministra e de José Blanco como eurodeputado

Reclama tamén unha xunta urxente de portavoces para incluír o sinistro no debate plenario da vindeira sesión e a creación dunha comisión de investigación parlamentar na Galiza. VÍDEO NO INTERIOR. 

Ana Pontón e Francisco Jorquera_Irene Pin
photo_camera Ana Pontón e Francisco Jorquera [Imaxe Irene Pin]

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o voceiro parlamentar da organización frontista no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, compareceron publicamente esta sexta feira (8 de xullo) para dar conta das accións políticas que desenvolverá a formación após coñecérense as conclusións do informe elaborado sobre a Axencia de seguridade ferroviaria europea a respeito do accidente de Angrois. 

O Bloque reclama convocar unha Xunta de Portavoces urxente e a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego

Unhas conclusións que calificaron como "demoledoras" e que "avalan o que sempre denunciou o BNG", sinalou Francisco Jorquera. O documento comunitario sinala a falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) e insta á reabertura deste órgao para a elaboración dunhas pesquisas que vaian alén do erro humano como causa directa do sinistro para afondar naqueloutras que motivaron o accidente. 

Neste senso, desde o BNG, avanzaron que solicitarán de novo a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego, unha cuestión á que o PP se negou en reiteradas ocasións, até tres, ao longo dos últimos anos. Aliás, reclamarán a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces para incorporar á orde do día da vindeira sesión plenaria un punto de debate sobre os novos dados coñecidos arredor do maior accidente ferroviario da historia do país. 

Vontade política

Desde o BNG, instan o PP a abandonar "escusas de mal pagador" e apoiar a creación da comisión pois, lembrou o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o regulamento prevé a súa creación arredor de calquera asunto de interese público". "Se hai vontade política a comisión pode constituírse", acrecentou, e habilitar os meses de verán para desenvolver os traballos arredor dela, como aconteceu co órgao constituído a respeito do proceso de fusión das caixas de aforro galegas. Así mesmo, subliñou o voceiro nacionalista, "se hai vontade política" os grupos parlamentares poderían chegar a un acordo que dea continuidade aos traballos da comisión "durante a vindeira lexislatura". 

Ana Pontón pide "rachar a rotina de que ninguén quere asumir responsabilidades" perante accidentes como o de Angrois

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG e deputada no Pazo do Hórreo, Ana Pontón, instou a "rachar a rotina" que coida existe no Estado español "de que ninguén quere asumir responsabilidades" cando se producen sinistros da magnitude do de Angrois ou do accidente do metro de Valencia. Pontón, reiterou a demanda do BNG de que a ministra de Fomento, Ana Postor, demita do seu cargo --reclamación á que se sumou AGE-- mais fixo extensíbel ese feito á súa renuncia como deputada no Congreso español e ao ex-ministro José Blanco como eurodeputado en Bruxelas. 

"É inexplicábel e inadmisíbel" que "responsábeis políticos" que "fixeron diminuír a seguridade" ferroviaria no tramo --onde, cumpre lembrar, non foi activado o sistema de freado automático (ERTMS)-- e "dunha investigación fraudulenta sigan nos seus cargos". Desde o Bloque insisten en que "teñen as mans machadas de sangue" e reclaman a súa saída das insititucións públicas. 

"É inexplicábel e inadmisíbel que responsábeis políticos que fixeron diminuír a seguridade ferroviaria  e dunha investigación fraudulenta sigan nos seus cargos"

Aliás, desde o Bloque reclaman a reabertura da CIAF porén, con novos integrantes que garantan a independencia da investigación, como sinala a Axencia de seguridade ferroviaria europea e "caia quen caia". 

Feijóo

A respeito das declaracións pronunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao fío do informe europeo e nas que acusaba o BNG de facer política da dor das vítimas Ana Pontón asegurou que son unha "mostra de cinismo e falta de ética". Así, acusou o mandatario de ter feito como "única contribución á xustiza e á verdade" no caso de Angrois "votar non" á comisión de investigación e "sumarse á mentira oficial de Ana Pontón de que todo estaba ben e non había que investigar nada". 

"Se queren xustiza que deixen de agocharse baixo mentiras de estado", sentenciou a portavoz nacionalista. 

Comentarios