As Pontes

O BNG leva ás negociacións con Sánchez a crise nas Pontes polo peche de Endesa

Após o anuncio do peche da planta de Endesa nas Pontes, formouse un comité de crise que integra todos os axentes locais afectados. Nesta sexta feira, 29 de novembro, o deputado do BNG Néstor Rego reuniuse co comité e afirmou que esta problemática forma parte das reivindicacións do BNG nas negociacións con Pedro Sánchez.

2019112920400878642
photo_camera Néstor Rego na xuntanza co comité de crise das Pontes (BNG)

O comité de crise das Pontes, constituído por axentes locais afectados polo peche da planta que Endesa anunciou neste concello, reuniuse co deputado do BNG Néstor Rego.

O nacionalista afirmou ante o comité que esta problemática é prioritaria para a súa formación e que forma parte dos temas que o Bloque xa puxo sobre a mesa nas negociacións que está a manter co PSOE de cara á investidura de Pedro Sánchez.

Nese sentido, Rego afirmou que nos encontros co Partido Socialista «colocou sobre a mesa a necesidade de que haxa unha alternativa a través dunha mesa de traballo na que participen a Administración central, a través de todos os ministerios con competencia neste asunto, a Xunta de Galiza, a Administración local e os axentes sociais das Pontes», e engadiu que desa mesa debe saír «un plan que consiga o obxectivo de manter a continuidade da actividade económica».

O BNG exercerá «presión parlamentaria», asegurou Rego, para evitar que o Goberno do Estado permita o cese e o peche de Endesa sen garantir unha alternativa de futuro, en termos económicos e de postos de traballo. «O cese de actividade sen alternativa previa non é razoábel e imos traballar a favor de solucións que garantan a actividade económica e a continuidade do emprego, tanto neste concello como na comarca», aseverou o deputado.

Esixirán modificacións legais para que a Galiza se beneficie das axudas para a descarbonización

Desde o Bloque tamén apresentarán medidas concretas e esixirán modificacións legais para que a Galiza se beneficie das axudas para a descarbonización, co obxectivo de que poida entrar no plan de acción urxente para países con centrais que usan o carbón e están ameazadas por peches.

Tamén reclamara, segundo anunciou ao comité de emerxencias, a recuperación de 55 millóns de euros que estaban previstos no plan de acción urxente para centrais en peche. Ademais, en relación á necesidade de solo industrial, afirmou que «se queremos que haxa novas actividades económicas na Pontes, o primeiro que temos que facer é facilitar solo para acoller novos proxectos que contribúan ao mantemento do emprego».

O deputado recalcou o compromiso do BNG na solución desta crise, empezando por conseguir que o Goberno non autorice o cese da actividade nin o peche da fábrica sen que previamente haxa ese plan alternativo e a garantía, desde o punto de vista económico e político, de que ese plan sexa executado. «Hai que pasar das boas intencións aos feitos», sintetizou.

Desde o Bloque tamén se quixeron sumar ás denuncias das e dos representantes do cadro de persoal e do comité de crise en relación á opacidade de Endesa, e reclama que se lle trasladen á parte social os datos técnicos que supostamente fan inviábel o mantemento da actividade con biocombustíbel.

Ademais de Néstor Rego, ao encontro tamén asistiron o deputado Xosé Luís Rivas e a portavoz municipal do BNG nas Pontes, Silvia Pardo.

Comentarios