Feminismo

O BNG incluirá cláusulas de igualdade na contratación pública

Ana Pontón comprometeuse desde Lugo a pular por dotar os concellos de plans de igualdade transversais que incluirán á súa vez cláusulas de igualdade na contratación pública. Ademais tamén traballarán para que nas empresas non haxa ningunha práctica discriminatorias cara ás mulleres.

ana pontón rubén arroxo
photo_camera No centro, Ana Pontón e o candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo. Foto: BNG.

Nun Lugo onde o BNG ten grandes expectativas de medrar electoralmente, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeuse a apostar en todos os concellos de Galiza polas políticas de igualdade como eixe central.

Pontón sinalou que o BNG conta cun proxecto transformador e alternativo dirixido a mellorar a vida da veciñanza e a mudar en positivo as vilas e cidades

Durante a súa visita a Lugo afirmou que o BNG conta cun proxecto transformador e alternativo dirixido a mellorar a vida da veciñanza e a mudar en positivo as vilas e cidades do país. Nese sentido, salientou a aposta polas políticas de igualdade como un dos sinais de identidade para a transformación social e a construción de concellos cheos de futuro e de mulleres libres.

Precisamente, para cimentar sociedades igualitarias, Pontón anunciou unha medida do programa electoral nacionalista consistente en dotar os concellos de plans de igualdade transversais que ademais incluirán cláusulas de igualdade na contratación pública. “Queremos usar os recursos que ten a administración pública para construír sociedades igualitarias e favorecer tamén que nas empresas non haxa prácticas discriminatorias”, afirmou Pontón.

Un BNG á alza na carreira pola alcaldía de Lugo

A portavoz nacional do BNG sinalou que as galegas e galegos nas vindeiras eleccións municipais e europeas do 26M “non teñen que resignarse a elixir entre o bipartidismo, cun PP que non quere que nada cambie e un PSOE que fica en medidas cosméticas”, e engadiu que tampouco se teñen que resignar ante “ese rupturismo que non foi capaz de xestionar o día a día” en relacións aos gobernos das mareas.

Pontón puxo en valor o candidato Arroxo como o máis preparado para exercer a alcaldía de Lugo

Desta maneira, Pontón sinalou a opción BNG como representante do cambio transformador “capaz de mellorar a vida das persoas, de crear dinamismo económico e social, de erguer concellos feministas e defensores da identidade e cultura galegas”, afirmou a voceira nacionalista.

As enquisas favorábeis a Rubén Arroxo, candidato do BNG á alcaldía de Lugo, dan folgos á organización na cidade amurallada. “Temos un equipo sólido” afirmou Pontón en referencia á candidatura Luguesa e engadiu que se atopan preparadas para gobernar e facer que Lugo “funcione e abandone a súa actual parálise” e puxo en valor o candidato Arroxo como o máis preparado para exercer a alcaldía.

Comentarios