BNG denunciará o Estado español por incumprir a directiva europea de seguridade ferroviaria

A organización frontista entende que o informe da axencia europea constitúe unha "proba de feito" da falta de independencia da CIAF. 

Ana Pontón e Ana Miranda_Irene Pin
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda [Imaxe Irene Pin]

O Bloque Nacionalista Galego rexistrará a vindeira semana perante a Secretaría Xeral da Comisión europea unha denuncia contra o Estado español polo incumprimento da Directiva de seguridade ferroviaria (49/2004). Así o avanzaron en comparecencia de imprensa esta quinta feira (13 de xullo) a portavoz da organización frontista en Bruxelas, Ana Miranda, e a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón. 

Entenden que o informe da Axencia de seguridade ferroviaria evidencia o incumprimento dos artigos 21 e 22 da directiva

Segundo as nacionalistas o informe feito público a pasada semana polas autoridades comunitarias supón unha "proba de feito" do incumprimentos por parte do Estado español da Directiva 49/2004. No concreto, os artigos 21 e 22 referidos ao carácter independente das comisións de investigación arredor dos accidentes ferroviarios e á escoita ás vítimas durante as pesquisas. 

Unha investigación, denunciou Ana Pontón, "viciada" tanto no "fondo coma na forma" que foi empregado polas autoridades españolas como "chivo autoexculpatorio". 

Neste senso, a denuncia será presentada a semana que vén e a partir dese momento a Comisión contará cun prazo de 15 días para determinar se a admite ou non a trámite. Destarte, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, amosouse convencida de que si será admitida pois explicou que foran as propias persoas representantes da Axencia de seguridade ferroviaria na entrega do informe as que lles "deron as pistas" para iniciar este proceso sancionador, como avanzou Sermos Galiza a pasada semana. Aliás, explicou Miranda, "tomámoslles a palabra" e manterán un novo encontro coa axencia "no mes de setembro". 

Por moito que o PP pase o rodelo nas institución seguiremos adiante até que se depuren as responsabilidades

Deputación Permanente

Desde o BNG reclamaron de novo a demisión da ministra de Fomento, Ana Pastor, así como o "urxente cesamento" das persoas que fan parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) para garantir o carácter independente da mesma. Tamén así, a segunda feira (18 de xullo) o grupo parlamentar do BNG solicitará a convocatoria da Deputación Permanente da Cámara galega para reclamar un pleno "extraordinario específico" sobre o accidente de Angrois. Na última sesión, o Partido Popular rexeitou que fose modificada a orde do día opóndose por cuarta vez á creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro. 

"Non gostamos de que nos tomen o pelo", sinalou a portavoz nacional do BNG e deputada no Pazo do Hórreo, Ana Pontón. "Por moito que o PP pase o rodelo nas institución seguiremos adiante até que se depuren as responsabilidades" no que coida que é un "dereito" como "sociedade e como pobo". 

O informe de Bruxelas, acrecentou Ana Miranda, "é unha batalla gañada" mais "o comezo dun traballo, non o final". 

Ana Miranda: "Na liberdade está a pluralidade e o BNG é unha organización plural"

Chamamento de Vidán

Preguntadas polos medios de comunicación a respeito da existencia ou non de tensións internas no seo do BNG pola publicación do Chamamento de Vidán, un manifesto encabezado polo ex-portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, e asinado pola propia Ana Miranda, entre outras persoas, na que se reclama a "creación dunha organización de nova planta" fronte ao "fin de ciclo do BNG", a portavoz nacional do Bloque asegurou que existe "moi bon ambiente" entre elas e que a militancia da organización frontista está "coa preparación do 25 de xullo, Día da Patria Galega". 

Pola súa banda, Miranda asegurou que "na liberdade está a pluralidade e o BNG é unha organización plural" mais declinou facer declaracións ao respeito pois, sinalou, "a sociedade está máis preocupada polo Alvia que pola nosa situación interna". 

Comentarios