O BNG demanda ao Goberno galego que regule "urxentemente" o baleirado e limpeza dos encoros

A deputada Rosana Pérez denuncia a pasividade da Xunta ante a mortaldade do marisco.
Anxo Núñez, Rosana Pérez e Soledad Agra no Freixo. (Foto: Nós Diario)
Anxo Núñez, Rosana Pérez e Soledad Agra no Freixo. (Foto: Nós Diario)

A responsábel de Pesca e Marisqueo do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, demandou esta quinta feira á Xunta de Galiza "elaborar de inmediato un regulamento de baleirado e limpeza dos encoros da súa competencia, priorizando a seguridade das persoas, dos bens, da calidade das augas e da actividade produtiva das rías".

En rolda de prensa desde O Freixo, Outes (comarca de Noia), a  nacionalista requiriu estabelecer nese regulamento, ademais do "exhaustivo" procedemento de baleirado e limpeza dos encoros, "as infraccións e sancións acaídas aos responsábeis dos danos ás persoas e bens e aos que provoquen alteracións na calidade das augas, que causen danos á fauna e flora e, en particular, ás poboacións de peixes e mariscos", así como "as indemnizacións ás que terían que facer fronte para resarcir os danos causados en cada caso".

"O encoro do Tambre, o do Umia ou o do Ulla son obxecto de queixas todos os anos por distintos sectores, nomeadamente polo sector marisqueiro a causa da mortaldade do marisco, polo que é unha obriga da Administración galega regular o baleirado, así como velar polo cumprimento das normas vixentes e actuar contra quen as infrinxe", incidiu Rosana Pérez.

Décadas de reclamacións

"Despois de que distintas entidades, especialmente as confrarías, leven décadas reclamando do Goberno galego elaborar un protocolo de baleirado e limpeza de encoros, despois de que o BNG presentase en sede parlamentaria esa mesma proposta en innumerábeis ocasións, despois de que as propias empresas eléctricas leven anos procedendo a abrir comportas e desaugar os encoros en baixamar poñendo mesmo en risco a vida das persoas, despois de que as mortaldades de marisco dos últimos anos debidas á baixa salinidade das augas deixaran os bancos de moitas zonas do país completamente arrasados, a Xunta de Galiza segue sen tomar nin unha soa medida para evitar a incidencia do baleirado e da limpeza dos encoros nestes casos", denunciou a responsábel comarcal da formación nacionalista na comarca de Noia, Soledad Agra. "A situación é tan grave que a Confraría de Noia mesmo estuda iniciar accións xudiciais contra Naturgy", engadiu a tamén deputada provincial.

Pola súa parte, o portavoz do BNG en Outes, Anxo Núñez, lembrou que "os estragos volveron ocorrer de novo nos últimos días, nos que a confraría de Noia se viu afectada polas fortes choivas e pola falta de control no baleirado da presa do Tambre".

Segundo dixo, as consecuencias foron máis de 5.000 quilos de marisco morto recollidos "sen que o Goberno galego leve a cabo sequera investigacións para saber que ocorreu exactamente e se é posíbel evitar ou minimizar estas situacións e como", acrecentou o nacionalista

"De novo os danos ambientais, económicos e sociais quedan nun segundo plano, de novo as empresas eléctricas seguen a actuar impunemente e, de novo, o Goberno galego continúa sen exercer as súas competencias e sen tomar medidas ao respecto para impedir os incumprimentos sistemáticos e evitar a afectación a un sector produtivo fundamental para o país e especialmente para a nosa comarca", concluíu Núñez.

Comentarios