O BNG cualifica de "reorganización" o novo Goberno da Xunta e espera que tome medidas en "beneficio da maioría"

"Cambia as cousas para que todo siga igual", di Olalla Rodil.
A deputada e viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada e viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, reduciu este domingo a unha "reorganización" o novo Goberno da Xunta que este domingo deu a coñecer o presidente, Alfonso Rueda, e dixo que espera que tome medidas "en beneficio da maioría da sociedade" e non en "contra dela".

"Di o refraneiro popular: cambia as cousas para que todo siga igual", esgrimiu Rodil, á vez que sinalou que, "obviamente", hai cambios nas consellarías e nos nomes das e dos seus titulares.

Con todo, o BNG cre que o "importante" nun goberno "non son" os nomes das áreas ou dos conselleiros, senón as decisións que toman, as políticas que se van levar cabo e se son en "beneficio" da "maioría da sociedade" ou, "como levamos vendo" nos últimos 15 anos, "irán en contra dela".

"Está por ver se este novo Executivo rectifica, por exemplo, en áreas tan sensíbeis e importantes como a sanidade e acaba con esa lista de espera que temos en Atención Primaria, unha lista como no houbo nunca para ver ao noso médico de cabeceira, ou se rectifica e fai que 11.000 nenos que hoxe non teñen servizo de Pediatría poidan ser atendidas por un médico especialista", criticou.

En definitiva, continuou, está "no aire", e "aínda por ver", cales son as políticas que tomará o Executivo galego "máis aló" dos cambios nos nomes das consellarías e dos conselleiros e conselleiras

Comentarios