Entrevista

Néstor Rego: "O investimento estáncase na Galiza e medra no Estado"

As contas públicas do Estado entran na súa fase definitiva nas Cortes unha vez debatidas as emendas na comisión de Orzamentos do Congreso dos Deputados. O voceiro do BNG nesta institución, Néstor Rego, explica a 'Nós Diario' as razóns da decisión da formación nacionalista de non apoiar os orzamentos.

O deputado nacionalista Néstor Rego Candamil. (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego Candamil. (Foto: Nós Diario)

—Os Orzamentos do Estado para 2023 entran nunha semana chave coa votación das súas seccións no Congreso. Que posición vai manter o BNG?
O BNG considera estes orzamentos insuficientes para o país. Mentres os investimentos se estancan na Galiza, medran no conxunto do Estado, elevándose as contías en partidas como Defensa, onde se incrementan en máis de 25%, sen que haxa unha aposta clara en política social. Neste sentido, imos absternos na práctica totalidade das seccións das contas públicas e votar en contra das referidas a Defensa e á Casa Real, como unha expresión do carácter republicano do proxecto político do nacionalismo galego.

A este respecto, lamentamos que non houbese vontade de negociar por parte do Goberno do Estado, até o punto de que na comisión de Orzamentos do Congreso da semana pasada os deputados do PSOE votaron en contra das nosas emendas. É unha mágoa que os deputados galegos do PSOE e Podemos rexeitaran propostas na liña de aumentar os investimentos na Galiza e non traballaran en mellorar os orzamentos para o país.

—Dúas cuestións que están marcando o debate político e social no país van directamente ligadas aos Orzamentos do Estado, concretamente, a suba das peaxes na AP-9 e o derrubamento da ponte no Castro na A-6. Que recollen as contas sobre estes temas e que propón o BNG?
Nos Orzamentos do Estado continúa aparecendo unha partida para bonificar as peaxes na AP-9. Porén, a súa contía é insuficiente. Nesta dirección, demandamos elaborar un estudo para proceder ao rescate da autoestrada e completar a súa transferencia á Galiza libre de peaxes. Nese sentido, débese ter en conta que a Unión Europea considerou ilegais as prórrogas da concesión a Audasa aprobadas polo PP e o PSOE desde o Goberno do Estado, polo que é necesario adiantarse a este escenario.

Son necesarios fondos suficientes para restabelecer canto antes a circulación no tramo derrubado da ponte do Castro. Nesta liña, preocúpannos moitos as palabras da ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez, que vén de afirmar que este tramo non estará aberto ao tráfico no ano 2023.

—Un dos aspectos que preocupa na Galiza é a situación da rede ferroviaria, e de forma especial, a conexión con Portugal. Como analiza os pasos dados polo Goberno do Estado neste asunto?
Onde máis visíbel é o atraso da Galiza é nas súas infraestruturas ferroviarias. Só nunha parte do Eixo Atlántico se ten avanzado na modernización das liñas. Porén, fica aínda moito por facer completando a conexión con Ferrol e coa fronteira portuguesa.

Precisamente, a conexión con Portugal é unha mostra da falla de vontade investidora do Estado coa que se quere castigar a Galiza, pero tamén a Portugal. As declaracións da ministra de Infraestruturas sinalando que esta actuación estará lista antes de 2040 representan un  escándalo. Non é de recibo ademais que a Galiza sexa un dos poucos territorios do Estado sen proximidades ferroviarias.

—A situación económica manda na actualidade, cre que estes orzamentos son os necesarios para enfrontar a crise?
A Galiza padece unha crise industrial cronificada, o que obriga a actuacións decididas. Neste sentido, reclamamos investimentos que permitan intervir Alcoa para garantir a súa continuidade, que posibiliten a Navantia dedicarse á construción civil e que favorezan unha transición xusta para As Pontes e Meirama (Cerceda).

Un investimento social insuficiente

Néstor Rego cuestiona o carácter social dos Orzamento do Estado de 2023. A este respecto, entende que "o gasto social resulta insuficiente para atender necesidades perentorias e para paliar as consecuencias negativas que provoca nas clases populares a crise social e económica asociada á escalada descontrolada dos prezos, en canto a partida que máis sobe é a de Defensa".

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados considera que "destinar máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 a gasto militar é unha verdadeira barbaridade e implica hipotecar a capacidade de desenvolver políticas sociais e económicas para protexer e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais. Repercutirá negativamente na calidade dos servizos públicos e no emprego e derivará en novos recortes sociais", afirma.

Comentarios