O Bloque pedirá no Congreso a fin da concesión da AP-9

O BNG reclamará, ademais, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia á Galiza.

Néstor Rego durante o debate desta terza feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego durante unha intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a moción resultado da interpelación urxente realizada a pasada semana e buscará o apoio da Cámara baixa para instar o Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 por un goberno do PP, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia á Galiza.

Segundo informa nun comunicado a organización nacionalista, durante o vindeiro pleno do Congreso o Bloque "levará a cabo unha reivindicación histórica e maioritaria na sociedade galega para pór fin á estafa legalizada que implican estas portaxes e conseguir, por fin, unha AP-9 galega e libre de peaxes".

Após desmontar os argumentos expresados polo ministro de Transportes, Óscar Puente, para negarse a rescatar a AP-9 e transferila á Galiza, Néstor Rego insistirá no mesmo obxectivo a próxima semana. "É unha cuestión de vontade política, de xustiza e tamén da aplicación da legalidade ante o procedemento de infracción aberto pola UE pola ampliación do prazo na concesión".

Estudo económico

Rego reclamará ao Goberno "un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9".

O primeiro punto da moción, explica Rego, contraponse ao sinalado por Puente sobre os 4.000 millóns de euros que custaría o rescate da AP-9 porque, segundo di,  esta cantidade non parte dunha análise "seria e fiábel nin de datos contrastados". De facto, aclara, existen outras estimacións que sitúan que o custo sería moito menor, de entre 2.000 e 3.000 millóns de euros, e o Goberno, salienta o deputado do BNG, reservou un crédito de 2.300 millóns de euros até 2048 para custear as bonificacións.

A concesión inicial desta infraestrutura, lembra Rego, rematou en 2013, mais primeiro o Goberno González e despois o Goberno Aznar aprobaron cadansúa prórroga de 10 e 25 anos respectivamente.

Comentarios