Eleccións Europeas 9-X

Besteiro sitúa o PSdeG como "a referencia da esquerda" na Galiza

O secretario xeral do PSdeG realizou estas manifestacións nunha visita á sede provisional da Real Academia Galega (RAG).
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou ao PSdeG como "a referencia da esquerda" na Galiza, ao ser cuestionado sobre os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo no ámbito galego.

Destes comicios, fixo, a preguntas dos xornalistas esta segunda feira, un "balance positivo" ao considerar que o PP pretendía facer un "plebiscito" ao presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, cun "obxectivo errado".

Na mesma liña, considerou que a formación popular non logrou "frear á ultradereita". "Vese que a súa forma de facer política lonxe de freala aumenta as súas expectativas", engadiu o secretario xeral socialista.

"Vese que o PSOE é a única forza con fortaleza para frear o avance da ultradereita", aseverou tamén para asegurar que no "propio" PP "empézanse a cuestionar se a alternativa é Feixoo dentro do seu propio partido".

Visita á RAG

Cuestionado sobre os datos a nivel galego, indicou que non é partidario de facer "extrapolacións", mais sentenciou que o que ve é un PSdeG "referencia da esquerda" na Galiza. E tamén, engadiu, como "alternativa" cunha liña de expectativa "positiva". "Un recoñecemento a quen defende Europa e desde postulados de esquerda", engadiu.

O secretario xeral do PSdeG realizou estas manifestacións nunha visita á sede provisional da Real Academia Galega (RAG), acompañado de deputados e deputadas da formación socialista no Parlamento da Galiza.

Máis en POLÍTICA
Comentarios